O responsable da xustiza galega discrepa co proceder de Pilar de Lara

O presidente do TSXG pide limitar os procesos de instrución das grandes causas, coma as que investiga Pilar de Lara, para non convertilos "nun fin en si mesmo"

Miguel Anxo Cadenas Sobreira, presidente do TSXG | GaliciaConfidencial
Miguel Anxo Cadenas Sobreira, presidente do TSXG | GaliciaConfidencial

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Anxo Cadenas Sobreira, declarou que as “instrucións xudiciais non poden ser un fin en si mesmo”, en relación ás macrocausas que investiga a maxistrada Pilar de Lara. Sobre o expediente aberto á titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo por retrasos indebidos, afirma que é “materia reservada”, polo que cómpre agardar á resolución do Poder Xudicial.

“Un medio para aclarar o que sucedeu e clarificar se hai materia delituosa”. Esa ten que ser a fin dos procesos de instrución en palabras do responsable do alto tribunal galego, recollidas polo GaliciaConfidencial. Así, suxire limitar a complexidade deste procedemento xudicial na medida do posible, porque deste xeito evitaríase convertelas nun “fin en si mesmo”.

Cadenas respostaba así sobre a situación das macrocausas coma a Pokémon, a Carioca ou a do Garañón, asuntos de primeira orde que instrúe Pilar de Lara dende Lugo. “O instrutor ten unha responsabilidade especial como xuíz que é, e como técnico que ten que ser en materia de investigación penal”, precisou o presidente do TSXG.

“Por tanto –explicou en declaracións ante os medios–, o desexable é que a instrución dure o tempo imprescindible para a investigación”. O máximo representante da xustiza galega exhortou a “analizar e examinar” sempre en función do feito investigado, aínda que matizou que “dende fóra” é sempre “moi difícil facer un xuízo sobre a conduta dun instrutor”.

Expediente en trámite de resolución

Acerca da situación de Pilar de Lara, investigada polo promotor de acción disciplinaria do Poder Xudicial, Cadenas limitouse a dicir que “hai que estar á espera de que se resolva”. Limitouse así na réplica sobre un “momento de espera” que cómpre afrontar “dende o respecto de todas as persoas, que tamén temos os xuíces”.

Neste intre, a defensa de Pilar de Lara está pendente do recurso presentado perante o Poder Xudicial, despois de alegar contra un novo informe presentado polo promotor do expediente. Acerca deste extremo, Cadenas fixo referencia ao carácter reservado destes procedementos, en especial daqueles aínda en trámite. “Hai que esperar que resolva o órgano competente”.

O presidente do TSXG suxire en Lugo cambios legais contra a ocupación

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here