InicioPolíticaA esquerda lucense: “sabotaxe” na Residencia e “regalo envelenado” a Carballo

A esquerda lucense: “sabotaxe” na Residencia e “regalo envelenado” a Carballo

Lugonovo e BNG censuran o acordo opaco da Xunta que anula o convenio para revitalizar a área do vello Hospital Xeral, no barrio da Residencia

PUBLICADA O

- Advertisement -

Á saída da comisión de seguimento predominaba o abraio. O Concello convocara a Mesa de Traballo que avalía a reconversión do antigo Hospital Xeral de Lugo para informar da decisión da Xunta de Galicia de suprimir os usos non sanitarios comprometidos no plan integral da Residencia, barrio que leva sete anos agardando por este proxecto revitalizador, e que incluía un centro de emprendemento aeronáutico, unha oficina de emprego, un centro residencial para a terceira idade e unha planta de biomasa.

Segundo consta na documentación oficial, o executivo galego anulou a retrocesión de dous edificios do complexo, extremo indispensable para darlles novo uso. Fíxoo o 31 de maio, mesmo día en que comezaba o debate da moción de censura, e evitou comunicar esta decisión as partes implicadas. Uns xeitos opacos cuestionados na corporación municipal, que solicitará unha xuntanza urxente co conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.

A voceira de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz, cualificou o acordo do Consello autonómico de “sabotaxe institucional”. Na formación lembran as “grandes algaradas” coas que se asinou o protocolo do proxecto, estragado “con sixilo e aleivosía, pola porta de atrás”. E consideran que a cancelación dos trámites da Residencia tenta impedir “que os réditos da actuación os amortice a oposición”.

“Unha vez máis podemos comprobar o valor das promesas dos dirixentes do Partido Popular –continuou a representante de Lugonovo–. Velaí o que lle importan o progreso e a mellora da calidade de vida”. Dende o Bloque Nacionalista Galego comparten esta aproximación, e avisan de que a anulación do protocolo é “outro regalo envelenado de Feijóo para o candidato do PP en Lugo”, en palabras de Rubén Arroxo, candidato dos nacionalistas á alcaldía.

Así, o líder da agrupación local do Bloque aprecia que se repite “o sucedido co Servizo de Hermodinámica”, o que considera “unha decisión política de castigo a Lugo”. Arroxo lamentou a manobra unilateral no que considera un efecto “das liortas internas”. Este venres será presentado o alcaldable do Partido Popular en Lugo, Ramón Carballo, outrora subdelegado do Goberno e actual xefe territorial da Consellería de Presidencia.

Feijóo sobre a paralización de proxectos do vello hospital: “Non houbo nin marcha atrás, nin marcha do lado”

+ posts

ÚLTIMAS

Candia e a tránsfuga Reigosa presentan a moción de censura

A moción de censura que arrebatará o goberno de Lugo ao bipartito de PSOE...

Moción de censura: O goberno local aluda á “indignación popular” contra a moción do PP

A presidenta provincial do PP de Lugo e portavoz municipal na cidade, Elena Candia,...

María Reigosa non se presentará á praza de Litoral que vinculan ao seu apoio á moción de censura

A edil exsocialista do Concello de Lugo María Reigosa asegurou que non se presentará...

A Deputación inviste en Meira máis de 200.000€ para as obras en tres estradas

A Deputación vén de iniciar as obras de mellora do firme en tres estradas...