InicioLugo e contornaFriolFriol celebra o seu VIII 'Friulio' castrexo-romano con 30 asociacións de recreación...

Friol celebra o seu VIII ‘Friulio’ castrexo-romano con 30 asociacións de recreación histórica

O evento celebrarase a fin de semana do 9 ao 10 de maio

PUBLICADA O

- Advertisement -

 

O Concello de Friol presentou a próxima edición do “Friulio”, a súa festa castrexo-romana, que terá lugar o sábado 9 e domingo 10 de maio, na que participarán máis de 500 persoas e 30 asociacións de recreación histórica.

O Concello de Friol e a Asociación de Recreación Histórica “A Castronela” organizan unha nova edición do Friulio, un encontro entre asociacións castrexas e romanas que recrearán durante a fin de semana do 9 e 10 de maio os modos de vida, costumes e crenzas de ámbalas dúas culturas, e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia.

Nesta oitava edición volverán participar diferentes asociacións castrexas e romanas chegadas de toda Galicia e tamén de outras comunidades de España, que forman parte activa en eventos de interese turístico galego, nacional ou internacional, como o Arde Lucus ou as Guerras Cántabras.

En total este VIII Friulio contará coa participación de máis de 30 asociacións de recreación histórica, música tradicional e divulgación cultural, coa colaboración das asociacións culturais de Friol, contando coa participación directa de máis de 500 persoas entre figurantes e outras funcións arredor desta festa de recreación histórica.

As actividades principais da festa volverán estar ubicadas en torno ó paseo fluvial, onde se establecerán o asentamento castrexo-galaico e o campamento romano, grandes reclamos do Friulio e poderán ser visitados desde as 11 da mañá do sábado ata as 8 do serán do domingo.

O programa de actividades inclúe desde a recreación da vida nun castro ata a elaboración do pan e queixo, desfiles de tropas romanas, ou demostracións e obradoiros de teares castrexos, fiado, textil e complementos, tiro con arco, xogos populares, gastronomía castrexa e exposición de torques. E pola parte romana tamén veremos obradoiros de medicina, cuñado de moedas e comercio.

O “Asedio ao Castro” volverá ser un dos momentos máis agardados e espectaculares do Friulio, no que se recreará o asalto das tropas romanas aos castros que existían nas terras de Friol. Outras representacións que se repiten cada ano serán as tradicionais “Escaramuza Castrexo-Romana” e o “Descenso en balsa do río Narla” o sábado pola tarde; ou a “Liorta polo Tesouro do Castro” o domingo pola mañá.

Despois de anos celebrando as “Vodas Galaicas”, unha das novidades desta edición é o acto de benvida aos máis novos, descendentes daqueles casamentos, que terá lugar o domingo pola mañá e que pon de manifesto o crecente papel que o público infantil vai tomando nesta celebración.

Todas estas actividades levaranse a cabo integramente na vila de Friol, ocupando diferentes ubicacións como as inmediacións do centro e do paseo fluvial, a avenida de Santiago ou a praza de Andón Cebreiro. Para incentivar a ambientación da vila, desde o Concello de Friol vólvese convocar o concurso de escaparatismo e fachadas entre os establecementos públicos e os balcóns das vivendas. Os premios entregaranse durante os actos de clausura o domingo a mediodía, nos que ademais terá lugar un acto moi especial, co nomeamento como “Persoeiro de Honra” deste VIII Friulio de Carlos Veiga, exdirector do Colexio Público Integrado de Friol.

A música volverá ter unha grande importancia este ano, coa actuación de diferentes grupos folk en distintos puntos da vila, como Xesta Verde, Tympana Gallaica, Son de Lugh, Bloco Meigallo ou a Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz. Na noite do sábado celebraranse as actuacións dos grupos “La Karaband” e “Clandestinos”.

+ posts

ÚLTIMAS

Investigado por insultar e ameazar en redes sociais a un xogador do Club Deportivo Lugo

A Policía Nacional identificou a un home, veciño da provincia de Lugo, como presunto...

Detido un mozo en Lugo por unha suposta agresión sexual

Un home de 18 anos atópase detido en dependencias policiais acusado dunha suposta agresión...

Carmela López mostra á reitora da USC o espazo de investigación na Granxa Gayoso

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o Deputado de Formación, Ensino...