O Pazo de San Marcos acolleu este venres un encontro aberto á cidadanía para achegar á poboación coñecementos básicos sobre intelixencia artificial e abordar os retos que presenta o seu uso na sociedade. A cita, organizada pola Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), con sede na Coruña, reuniu a preto de 80 persoas no salón de actos da Deputación.
Entre os asistentes houbo profesionais do sector empresarial, de xestorías e da administración, así como persoas interesadas na lexislación relacionada coa IA. Un público que amosou o interese crecente por unha tecnoloxía que percibiron maioritariamente “como unha ferramenta presente no día a día” e con aplicacións nos distintos ámbitos.
Precisamente, os datos que a AESIA está a recompilar nos encontros do seu Laboratorio de Ideas reflicten distintas percepcións sociais sobre esta transformación: o 29% das persoas participantes considera que a intelixencia artificial é un cambio imparable, o 26% percíbea como unha ameaza e o 22% entende que é unha tecnoloxía que debe ser gobernada. Estas opinións permiten coñecer as expectativas e preocupacións que suscita a súa expansión.
Intelixencia artificial e desinformación
A xornada tamén abordou o papel da intelixencia artificial na difusión da desinformación, xa que estas ferramentas permiten crear imaxes, vídeos e audios falsos cada vez máis realistas, así como producir e propagar contidos enganosos a grande escala. Neste contexto, púxose o foco na importancia de desenvolver unha mirada crítica e aprender a verificar a información antes de compartila.
Analizaron ademais a menor presenza das mulleres no desenvolvemento deste tipo de tecnoloxías e os nesgos e estereotipos que poden reproducir os sistemas, afondando na brecha de xénero con consecuencias en ámbitos como o emprego, a igualdade de oportunidades ou a seguridade dixital.
As achegas obtidas contribúen tamén á análise de outras cuestións como a protección de datos, dos menores ou as transformacións no mercado laboral.
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou na apertura institucional da xornada que permitiu tamén tratar cuestións de funcionamento da intelixencia artificial e as posibilidades que ofrece.
MencIA: a intelixencia artificial da Deputación de Lugo ao servizo dos concellos
A celebración deste encontro coincide co desenvolvemento da estratexia propia de intelixencia artificial da Deputación de Lugo, MencIA 2026-2030, orientada a estudar e impulsar a aplicación destas ferramentas nos servizos públicos e nos concellos da provincia, especialmente nos de menor tamaño. Participaron no evento o xefe do Servizo de Comunicación e TICs.
Neste ámbito, os orzamentos da institución provincial para 2027 contemplan unha partida destinada a continuar o desenvolvemento da estratexia e avanzar na súa aplicación no ámbito municipal, tamén como apoio aos procesos administrativos.
A incorporación da intelixencia artificial á Administración debe entenderse como unha ferramenta de apoio ao traballo dos empregados públicos, non como un substituto das persoas. O seu uso pode contribuír a simplificar tarefas e axilizar determinados procedementos, mantendo a supervisión profesional e o criterio humano.
