InicioPolíticaUn acordo opaco da Xunta fulmina o proxecto da Residencia

Un acordo opaco da Xunta fulmina o proxecto da Residencia

O Consello ocultou a invalidación dos usos contemplados no plan integral para o vello Xeral, coma a planta de biomasa ou o centro de emprendemento

PUBLICADA O

- Advertisement -

Sen que polo de agora se coñezan os motivos, a Xunta de Galicia anulou o trámite imprescindible para realizar o novo complexo da Residencia. Este barrio de Lugo agarda dende hai sete anos por un conxunto de instalacións que, aproveitando o vello Hospital Xeral, reactivarían un enorme espazo en desuso e ampliarían a oferta de servizos. Pero o executivo galego, a través dun acordo opaco, négase a que poidan existir usos non sanitarios, como comprometera no plan integral de 2017.

A decisión do Consello de Goberno da Xunta tomouse o 31 de maio, día en que comezou o debate da moción de censura no Congreso dos Deputados. Como resultado, os dous acordos previos que permitían a retrocesión de dous edificios do Vello Xeral quedaban sen efecto. Este procedimento revertía un Real Decreto de 1990 polo que o Estado cedía a Galicia o complexo hospitalario, de uso sanitario exclusivamente.

Este feito pasou desapercibido, porque o gabinete de Núñez Feijóo non avisou as outras dúas partes implicadas, o Goberno e o Concello. Aliás, o cambio de cor no exectivo central reiniciou os procesos da Subdelegación da provincia de Lugo, que dirixe Isabel Rodríguez. Inquirida pola situación do complexo da Residencia –que contempla nos usos non sanitarios unha oficina de emprego, unha planta de biomasa, un centro de emprendemento aeronáutico e unha residencia da terceira idade–, a subdelegada comprobou que, en efecto, a Xunta anulara os trámites sen explicación ou motivo aparente.

De inmediato deu conta do achado, que corroborou Daniel Piñeiro, responsable local de Desenvolvemento Sostible. Despois, convocouse os grupos da corporación municipal á Mesa de Traballo sobre A Residencia para este mesmo xoves. A rexedora Lara Méndez transmitiulles a sorpresa e a preocupación por “unha mala nova, que pón de manifesto a falta de dilixencia e interese da Xunta por acometer o proxecto que presentaron hai un ano e tres meses”, como declarou ante os medios de comunicación.

Méndez reunirase esta tarde coa veciñanza para explicar a situación de primeira man, mentres inician os trámites para requerir explicacións do goberno autonómico. A documentación oficial avala que o expediente de retrocesión patrimonial a favor da tesorería da Seguridade Social realizouse fóra de prazo, aínda que os trámites proseguiron ata a anulación unilateral. Neste intre, só é posible construír o Centro Integral de Saúde, logo da anulación da ampliación de usos do Pavillón e a antiga Escola de Enfermería.

A alcaldesa Lara Méndez durante a rolda de prensa sobre a decisión da Xunta de paralizar o proxecto da Residencia | Óscar Bernárdez
A alcaldesa Lara Méndez durante a rolda de prensa sobre a decisión da Xunta de paralizar o proxecto da Residencia | Óscar Bernárdez

Dende o Concello de Lugo expresan o seu malestar polo feito de que a Xunta esixira celeridade na tramitación municipal, para logo ignorar os prazos legais e rematar por cancelar un plan integral acordado entre o Estado e a comunidade autónoma. Durante o proceso, a autoridade local completou a tramitación do estudo de detalle do anteproxecto e as licenzas do posterior convenio da Residencia.

Porén, a dilación do executivo que preside Núñez Feijóo é interpretada en Lugo coma un torpedeo consciente. Para a alcaldesa hai demasiadas cuestións abertas, sobre por que a Xunta renunciou o proxecto incumprindo os acordos que previamente asinara, sobre por que o ocultou, e cal é a razón para alongar no tempo un proxecto que naceu en 2011. “Négome a crer que o desprezo poida chegar a semellante cota”, expresou Méndez, quen afirmou que este xeito de proceder “xa o temos visto na Intermodal, no cuartel de San Fernando, coa Hermodinámica, na Tinería, na Ronda Leste ou no Plan Paradai, sen rematar a piques de cumprir vinte anos do inicio”.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...