O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo (BNG), expresou a súa preocupación polo futuro de diversos proxectos municipais ante o posible cambio de goberno pola moción de censura prevista do PP cunha concelleira tránsfuga. O portavoz municipal do BNG sinalou que algunhas actuacións en marcha, como o Carril das Flores, deben finalizarse, mentres que outras recentemente aprobadas, como a pasarela sobre a Rolda da República Arxentina, “o lóxico sería que continuasen”.
Con todo, advertiu da incerteza que rodea a outras iniciativas relevantes que xa estaban avanzadas. Entre elas citou a adquisición dunha vivenda en Carril das Flores para resolver un tapón urbanístico, a creación de rotondas para substituír semáforos, novos aparcadoiros (entre eles un de 100 prazas xunto aos conservatorios) ou melloras de seguridade en contornas escolares e infraestruturas como o Leira Parking. “Non sabemos como van quedar estes proxectos e é algo que nos preocupa”, afirmou.
Arroxo subliñou que, en caso de non continuar no goberno, o seu grupo seguirá traballando desde a oposición para fiscalizar o cumprimento destes proxectos e garantir que “Lugo siga avanzando e non se paralice”. Así mesmo, asegurou percibir “unha indignación moi grande e transversal na sociedade lucense” pola situación política actual, indicando que a cidadanía “quere defender a democracia máis aló de quen goberne”. Ao seu xuízo, isto explica a elevada participación nas mobilizacións recentes na cidade.
O tenente de alcalde tamén falou de “indignación veciñal” mesmo entre votantes e militantes do PP. “Está claro que eles queren que goberne o PP, pero non desta maneira”, sinalou. Ademais, apuntou que a cidadanía é consciente de que a Xunta tentará “lavar a súa imaxe” mediante investimentos, algo que considera positivo, aínda que advirte de que “non tería defensa nin servirá para lavar a cara do feito”.
“NON HAI NADA NORMAL NESTE PROCESO”, DI O PSOE
Pola súa banda, a portavoz socialista, Ana González Abelleira, defendeu que “seguimos cos proxectos adiante” e asegurou que “non hai parálises de ningún tipo”. Explicou tamén que os orzamentos foron aprobados recentemente e que o traballo continúa porque “estaba todo programado e os proxectos estaban a saír”.
González Abelleira acusou ao Partido Popular de incoherencia, ao solicitar a apertura de discotecas ata as seis da mañá mentres fala de seguridade nocturna. “Non sei se van continuar os proxectos, pero o plan de cidade témolo nós”, afirmou. A portavoz socialista tamén criticou as declaracións do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre buscar a normalización do proceso. “Non hai nada normal neste proceso”, asegurou, á vez que acusa ao PP de “patrimonialismo institucional” e cualifica a situación como un caso de “corrupción política ou ética“.
“Trátase dunha tránsfuga á que unha oportunista ofrece unha praza en pago, tal e como asegurou Rueda, e iso é un delito, polo que considero indignante tentar normalizar estas accións caciquís”, afirmou. Así mesmo, acusou a Elena Candia de fomentar o enfrontamento mediante a creación de plataformas paralelas, poñedo como exemplo unha federación veciñal para contrarrestar outra. Finalmente, denunciou a “utilización dese casarío que ten o Partido Popular que funciona con prebendas” e concluíu que o que se está producindo é “unha compra de vontades”.
