A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, participou hoxe no acto de presentación das II Xornadas de Análise do Pensamento Galego, celebrado no Salón de Plenos da Casa do Concello. Esta segunda edición estará dedicada á figura de Ramón Piñeiro e desenvolverase do 5 ao 7 de novembro en Lugo e Láncara, baixo o título Saudade de Ramón Piñeiro.
As xornadas están organizadas por Egeria e Brandán Comunicación e contan co patrocinio do Concello de Lugo, nunha colaboración que busca contribuír á divulgación do pensamento galego e poñer en valor figuras fundamentais da nosa historia intelectual e cultural.
O programa ofrece unha aproximación ao pensamento e ao legado do intelectual galego desde diferentes perspectivas: a súa achega filosófica, a contribución á lingua, o compromiso político e tamén a súa dimensión humana e familiar, así como a súa vinculación cos concellos de Lugo e Láncara.
Entre as propostas incluídas nesta edición destaca a exposición Eu, Ramón Piñeiro, pensada para achegar a súa figura ao público e dar a coñecer o seu legado. Tamén se presentará a web ramonpineiro.gal, un novo espazo dixital dedicado á difusión da súa obra e pensamento.
Outro dos momentos destacados será a presentación do libro Manuel Regueiro Tenreiro, filosofía e lingua, que recolle as intervencións das primeiras Xornadas de Análise do Pensamento Galego, celebradas o pasado ano e dedicadas a este intelectual.
Con esta segunda edición, as xornadas dan continuidade a un espazo de encontro e reflexión arredor dos principais referentes do pensamento galego contemporáneo, convidando a afondar na súa obra, na historia da lingua e no papel da cultura na construción da identidade colectiva.