O portavoz do Grupo Municipal Socialista de Lugo, Miguel Fernández, presentou este xoves unha nova proposta para darlle un futuro á actual estación de autouses, unha vez que se poña en marcha a Intermodal. O proxecto, que se une a outras ideas achegadas por BNG e PP, contempla aproveitar boa parte do edificio para habilitar unha residencia pública de maiores e un centro de día, con capacidade para 60 persoas, ademais de converter a superficie ocupada polas dársenas nun amplo parque urbano intergeneracional.
Fernández sinalou que o traslado dos autobuses representa unha “oportunidade” para recuperar este espazo estratéxico, situado preto da Muralla, a Praza da Constitución e o Vello Cárcere, e destinalo a novos servizos públicos, zonas verdes e espazos de encontro para a cidadanía.
Un dos principais obxectivos do proxecto é aumentar a oferta de prazas residenciais públicas en Lugo, que actualmente dispón de 272, repartidas entre os centros das Gándaras e A Milagrosa. Os socialistas reclamaron a intervención do Goberno galego para pagar “unha débeda histórica” coa cidade no que se refire a este servizo público, “xa que non se habilitou ningunha desde hai anos”.
A proposta inclúe a rehabilitación de boa parte da estación para adaptala ao seu novo uso. Na planta baixa instalaríase un centro de día para persoas maiores que viven nos seus domicilios, pero necesitan atención e acompañamento. Ademais, a cuberta do edificio acondicionaríase como unha zona axardinada de descanso e lecer para os residentes.
O portavoz socialista defendeu un modelo de atención que permita ás persoas maiores permanecer preto das súas familias, amizades e contornas habituais, evitando que a necesidade de coidados supoña afastarse da cidade e da súa vida cotiá. “Hai que romper co modelo de residencias do século XX, hai que apostar porque os nosos maiores sigan integrados na cidade na que viviron, en contacto coa vida diaria. A convivencia entre xeracións é outra forma de combater a soidade non desexada”, explicou.
O segundo eixo da iniciativa pasa por transformar a zona das dársenas nun parque urbano con árbores autóctonas, espazos de sombra e percorridos accesibles. O proxecto contempla retirar as instalacións actuais e parte das construcións anexas para abrir este novo espazo cara á Muralla e a Praza da Constitución.
O parque contaría con zonas de xogos infantís, equipamentos para realizar actividade física, áreas de descanso e espazos de encontro. Tamén se reservarían zonas para terrazas comerciais e hostaleiras, ademais de incorporar elementos conmemorativos vinculados á historia do antigo Campo da Feira.
A proposta tamén inclúe medidas para reorganizar o tráfico e reducir a presenza de vehículos en superficie, ampliando os espazos peonís e mantendo os accesos ao aparcadoiro subterráneo da Praza da Constitución. Entre as actuacións expostas figura a construción dun tramo soterrado para canalizar parte do tráfico, con entrada desde a rúa Cidade de Vigo e saída na rúa Alcalde Anxo López Pérez, nas inmediacións do Vello Cárcere. Este traxecto daría entrada tamén ao aparcadoiro actual.
Así mesmo, os socialistas propuxeron crear unha liña lanzadeira de transporte urbano entre a Praza de Bretaña e a nova estación intermodal, ademais da conexión peonil mecanizada prevista entre a Praza Conde de Fontao e Porta Falsa mediante ascensores e pasarelas mecánicas.