A Sala do Civil e o Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou unha sentenza da Audiencia Provincial de Lugo que condenou a cinco anos de cárcere ao profesor de música do colexio de Albeiros (Lugo) por agresión sexual a unha alumna de 9 anos. O fallo, do mesmo xeito que a sentenza inicial, absólveo dos delitos de agresión sexual a outras menores do centro.
En concreto, o TSXG ratifícao como autor dun delito continuado de agresión sexual por tocamentos continuados de carácter sexual a unha das súas alumnas, de nove anos. Ademais, mantén a súa inhabilitación para o exercicio de calquera profesión, oficio ou actividades, sexan ou non retribuídas, que leve contacto regular e directo con menores de idade por 10 anos e a inhabilitación absoluta por seis anos, así como a prohibición de aproximarse á vítima e de comunicarse por calquera medio con ela durante 10 anos. Tamén deberá pagar unha indemnización de 3.000 euros á afectada.
O docente, de 49 anos, estaba acusado de realizar tocamentos a unha das súas alumnas de nove anos no peito e na zona xenital, nalgunhas ocasións mesmo por baixo da roupa, durante o transcurso das clases e en presenza dos demais nenos. Tamén se investigou esta conduta noutro catro nenas das dúas clases de cuarto curso, aínda que foi absolto destoutros casos.
A fiscal solicitaba unha pena de cinco anos e medio de prisión polo caso da única nena á que se admitiu a súa declaración como válida, mentres que as acusacións particulares elevábana a seis anos por cada unha e 6.000 euros de indemnización por danos morais.
Aínda que desde un principio falouse de cinco nenas de entre 9 e 10 anos como as autoras das denuncias, ao final, a Fiscalía só deu valor á dunha delas, aínda que as outras catro se personaron tamén como acusación particular.
A representante do Ministerio Fiscal centrou a súa argumentación durante o xuízo na validez dos testemuños das nenas, aos que outorgara “plena credibilidade”, especialmente no caso da única menor cuxa declaración foi considerada “consistente e detallada”.
O fallo foi recorrido tanto polo procesado como pola representante dunha das vítimas que non se considerou acreditada, pero o TSXG desestimou todos os recursos e confirmou o fallo.