InicioMedioambiente e PatrimonioGuerra de informes pola queima de pneumáticos na cementeira Cosmos

Guerra de informes pola queima de pneumáticos na cementeira Cosmos

As alegacións aos estudios de impacto ambiental, publicados en pleno verán sen mencionar as singulares condicións do Bierzo, desminten os supostos beneficios da combustión de residuos

PUBLICADA O

- Advertisement -

Malia que os estudios de impacto ambiental da queima de pneumáticos na cementeira Cosmos foron completados entre xaneiro e febreiro, a Junta de Castilla y León agardou a xullo para facelos públicos. Para presentar alegacións, trinta días de marxe. De fondo, un posible conflito de intereses na universidade. Aliás, os colectivos ecoloxistas manteñen a presión sobre as administracións para que o saturado aire do Bierzo non acade novas cotas de insalubridade.

Despois de denunciar as fugas descontroladas na cementeira de Toural dos Vaos, e requerir tanto ao reitor da Universidade de León coma ao Comisionado de Transparencia, a fronte ambientalista presentou 61 páxinas de alegacións contra o informe que valida o emprego de pneumáticos e outros residuos como combustible na fábrica de cemento Cosmos, propiedade do grupo brasileiro Votorantim. Esta réplica foi elaborada pola Asociación de Amigos dos Montes Aquilianos.

As alegacións serán presentadas de xeito colectivo o vindeiro día 24 de agosto, na delegación autonómica de Ponferrada. Trátase de dous documentos, un xenérico e outro máis exhaustivo, redactado con primor malia o ínfimo prazo dispoñible para revisar os estudos, de máis de oitocentas páxinas con abundante desglose técnico. Son en total vinte e tres alegacións.

O informe da AAMA incide nas singularidades do Bierzo, que as auditorías oficiais ignoran. A cementeira Cosmos está emprazada en Toural dos Vaos, no centro da comarca, rodeada de vides e froiteiras que son a base da economía local. Ningún territorio da comunidade ten unha presión industrial tan alta, problemática acentuada pola orografía berciana, que dificulta a disipación da contaminación.

Porén, os estudos de impacto ambiental presentados pola Junta baséanse nun escenario xenérico, sen ter en conta nin as características singulares do territorio e o seu microclima, nin a proximidade de Cosmos ao núcleo de poboación e os cultivos. O sector primario e o turismo son, por outra banda, os sectores máis dinámicos do Bierzo.

Tampouco existe unha valoración sobre as situacións transitorias –coma as fases de arranque ou anómalas, máis contaminantes– ou extremas, vencelladas a factores externos que poden incrementar a incidencia sobre o medio ambiente, en especial os característicos fenómenos de inversión térmica e néboa persistente.

Cementeira Cosmos de Toural dos Vaos | Asociación de Amigos dos Montes Aquilianos

Así as cousas, as avaliacións ambientais non demostran que exista unha diminución nas emisións á atmosfera polo emprego de pneumáticos fóra de uso, máis ben todo o contrario, como tampouco garantía dun produto da mesma calidade.

A única razón para substituír o coque verde de petróleo por estes residuos sería o aforro económico para a empresa, que sen xerar máis postos de traballo recibiría unha subvención para eliminar dous millóns de pneumáticos cada ano, o cinco por cento dos xerados en España. Na AAMA calculan que, entre o aforro en combustible e as axudas públicas, Cosmos melloraría o seu beneficio en arredor de dous millóns de euros.

Entre outras deficiencias e contradiccións, os estudos presentados pola administración autonómica ignoran o impacto dos metais introducidos entre os residuos, ou as emisións de compostos e partículas. Para os colectivos ecoloxistas, o programa de vixilancia ambiental é así mesmo insuficiente. 

ÚLTIMAS

Detido en Vilalba por golpear cunha botella de cristal na cabeza a outro home

A Garda Civil detivo na localidade lucense de Vilalba a un veciño de Lugo, de 47...

Iniciativas do PSdeG para reclamar un Plan de Rescate das pallozas do Piornedo

O Partido Socialista de Galicia presentará unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia...

Trasladan en helicóptero a un operario despois dunha caída nun parque eólico en Muras

Un operario resultou ferido este martes ao sufrir unha caída cando traballaba nun parque...

Xulgan a un administrador concursal que se apropiou indebidamente de 112.800 euros da sociedade

A Audiencia Provincial de Lugo fixou para o vindeiro martes, día 4, o xuízo...