Os candidatos do PSdeG-PSOE ao Congreso e ao Senado pola provincia de Lugo, Patricia Otero e César Mogo, fixeron este martes un chamamento á mobilización e á concentración do voto progresista no Partido Socialista de cara ás eleccións xerais do próximo 29 de novembro. O obxectivo, segundo sinalaron, é conseguir o segundo deputado por Lugo e garantir a continuidade das políticas “que permitiron avanzar en ámbitos como a vivenda, os salarios, as pensións e a igualdade”.
Ambos os candidatos reivindicaron o proxecto socialista como unha alternativa de progreso e de protección social fronte ás políticas que, ao seu xuízo, suporía un eventual Goberno da dereita e da ultradereita formado por PP e Vox.
“Saímos gañar o próximo 29 de novembro“, afirmou Patricia Otero, que ve nestes comicios unha elección entre dous modelos de sociedade: “direitas ou dereitos”. A candidata ao Congreso salientou que o PSOE concorre ás eleccións “con ilusión, con proxecto, cos mellores candidatos e candidatas e co mellor líder, o presidente do Goberno”, fronte a unha dereita que, segundo denuncia, “carece dunha proposta alternativa e centra o seu discurso en sacrificar, derrogar e desmantelar”.
Otero lembrou que nas eleccións xerais de 2023 os socialistas quedaron moi preto de conseguir o segundo escano pola provincia de Lugo e expresou a súa confianza en que desta vez poderán acadalo.
“Estou segura de que o 29 de novembro Jorge Bustos sairá elixido deputado e de que a cidade de Lugo estará tamén representada no Congreso”, asegurou. Para conseguilo, insistiu na necesidade de concentrar o voto progresista no PSOE e evitar que a fragmentación dos apoios “reste capacidade de representación ás forzas progresistas”.
A candidata defendeu que unha maior representación parlamentaria permitirá reforzar as políticas públicas e acelerar as medidas destinadas a facilitar o acceso á vivenda, mellorar as pensións e seguir incrementando o salario mínimo interprofesional. “Se queremos continuar avanzando en vivenda, chegar máis rápido e máis lonxe, precisamos un PSOE máis forte e un grupo parlamentario con maior capacidade”, afirmou.
“SACRIFICIOS PARA OS DE SEMPRE”
En relación cos anuncios de sacrificios realizados por Alberto Núñez Feijóo, Otero cuestionou quen serían os destinatarios desas medidas. “¿Sacrificios para quen? Témome que para os de sempre: a clase traballadora, os pensionistas e a mocidade”, sinalou.
Ao fío disto, alertou tamén sobre a intención do PP e Vox de “derrogar conquistas sociais e dereitos consolidados, entre eles os recollidos na Lei de memoria democrática, a lexislación sobre eutanasia e a normativa que garante o dereito ao aborto”. Así mesmo, advertiu dos riscos que suporían os seus plantexamentos en materia de privatización das pensións.
A defensa dos dereitos das mulleres ocupou tamén un lugar destacado na súa intervención, subliñando que o resultado electoral terá consecuencias directas sobre a igualdade e as liberdades conquistadas. “As mulleres xogámonos moitísimo este 29 de novembro”, sen deixar de lembrar a iniciativa do PSOE para blindar constitucionalmente o dereito ao aborto. “Agora chega o PP e di que quere cuestionar un dereito que criamos conquistado e protexido”, lamentou.
LEI DOS NETOS
Pola súa banda, César Mogo puxo o foco nos ataques de PP e Vox á denominada Lei dos netos, unha norma que considerou fundamental para reparar unha débeda histórica con quen tivo que abandonar España e cos seus descendentes. “Tiñamos unha débeda pendente coa emigración. Estamos a falar de xeracións de persoas de Lugo, de O Valadouro, de Sober e de calquera parroquia da nosa provincia”, lembrou.
O candidato explicou que a recuperación da nacionalidade española responde á situación de miles de emigrantes que perderon esa condición e non puideron transmitila aos seus fillos e netos, lembrando o caso de numerosas mulleres que, durante a vixencia do Código Civil franquista, perderon a súa nacionalidade ao casar con cidadáns doutros países.
Fronte a esta realidade, Mogo censurou a actitude de PP e Vox e as súas acusacións de fraude electoral contra a poboación de orixe emigrante. “O que fan o Partido Popular e Vox é non ter límites e converter a emigración en sospeitosa de todo, mesmo de cometer fraude electoral. É unha ofensa á memoria dos nosos emigrantes”, denunciou.
Mogo advertiu, ademais, de que os próximos comicios teñen unha transcendencia especial porque a dereita e a ultradereita “están recoñecendo abertamente que pactarán”. Ante esa posibilidade, contrapuxo as propostas de ambos os bloques: “O modelo do PSOE é medrar e protexer. O da dereita é liberalizar e desprotexer. Eses son os principios sobre os que se articula o proxecto do consorcio PP-Vox”, sentenciou.
O candidato ao Senado coincidiu con Patricia Otero na importancia de concentrar os apoios progresistas no Partido Socialista para ampliar a representación de Lugo nas Cortes Xerais. “Cada escano vaise decidir en cada circunscrición. Non podemos dispersar o voto progresista: os apoios teñen que concentrarse no PSOE”, defendeu.
Por último, Mogo reivindicou a continuidade das políticas desenvolvidas durante os últimos anos e rexeitou calquera cambio de rumbo que supoña renunciar aos avances conseguidos. “Non hai ningunha razón para desandar un camiño que nos permitiu progresar tanto en crecemento, protección e innovación. Un cambio de modelo sería moi prexudicial para o conxunto da sociedade española”, concluíu.
