Os sindicatos amosáronse este mércores “satisfeitos” co seguimento da folga xeral na provincia de Lugo, especialmente na zona industrial e nas grandes superficies, a pesar de teren denunciado “presión policial” e uns “servizos mínimos abusivos”.
A capital acolleu dúas manifestacións; a CIG calcula que unhas 4.000 persoas participaron na principal de Lugo, 3.000 en Burela e 400 en Monforte. O seu secretario provincial, Lois Neto, amosouse “moi satisfeito” coa participación e destacou que “facía moitos anos que Lugo non acollía unha mobilización de traballadores tan multitudinaria”.
A xornada transcorreu con tranquilidade durante a manifestación, aínda que se rexistraron momentos de tensión nalgúns piquetes ás primeiras horas da madrugada e co inicio da xornada da mañá. A CIG denunciou unha actuación “desproporcionada” da Policía Nacional en Ecolugo, onde foron identificadas varias persoas, así como dificultades para acceder a Europastry e ao centro comercial As Termas para informar os traballadores.Na cidade de Lugo, a recollida do lixo funcionou con servizos mínimos, mentres que o seguimento foi maior na industria, especialmente nos polígonos, aínda que a maioría dos comercios do centro permaneceron abertos.
Pola súa parte, a concentración convocada por UGT e CC.OO. reuniu tamén numerosos participantes, malia a choiva. O secretario provincial de CC.OO., Manuel Quiñoá, criticou uns servizos mínimos que cualifica de “abusivos” e denunciou “presión policial”. Tamén manifestou que a mobilización demostrou que a cidadanía “non está disposta a resignarse”. Quiñoá cuestionou que en Lugo funcionasen dez liñas de autobús, fronte ás seis habituais en folgas anteriores, e os criterios noutros servizos, poñendo como exemplo as escolas infantís. Ademais da capital, tamén houbo concentración en Viveiro.
No complexo industrial de Alcoa, en San Cibrao, a actividade desenvolveuse baixo o réxime de servizos mínimos. Segundo a información sindical, a folga foi secundada pola totalidade do cadro de persoal, tras a presenza de piquetes informativos nos accesos á factoría. Pola súa parte, a Policía Nacional asegurou que non se produciron incidentes de importancia, agás “algo de tensión” nalgúns momentos.
