Un home foi multado con máis de 21.000 euros por lle tocar o traseiro a unha muller en Lugo, nun xuízo celebrado na cidade no marco dunha xornada de folga xeral sen incidencias nos órganos xudiciais lucenses.
Este mércores correspondíanlle os xuízos ao xulgado número 1, que celebrou as sesións con normalidade. Na Audiencia Provincial xa non había sinalamentos para hoxe. Entre os xuízos rápidos celebrados figura a conformidade á que se chegou nun caso de abuso sexual, no que o acusado aceptou unha multa de algo máis de 21.000 euros por lle tocar o traseiro a unha muller sen o seu consentimento.
O incidente tivo lugar na tarde do 21 de xullo de 2022, cando o procesado, nado en 1982 e sen antecedentes penais computables para os efectos de reincidencia, “se dirixiu á vítima e, con ánimo libidinoso e sen o seu consentimento, tocoulle os glúteos coas dúas mans”, segundo recolle o escrito da Fiscalía.
O encausado recoñeceu os feitos e chegou a un acordo de conformidade coa Fiscalía, polo que acepta unha multa de 21.000 euros, que deberá aboar en 24 mensualidades, en substitución dos dous anos de prisión solicitados inicialmente.
O Ministerio Fiscal tivo en conta dúas circunstancias atenuantes: que o acusado se atopaba baixo os efectos das drogas no momento dos feitos e a confesión tardía durante a fase de instrución, na que xa lle pediu perdón á vítima.
