InicioMedioambiente e PatrimonioO Bierzo, historia dun desastre ecolóxico

O Bierzo, historia dun desastre ecolóxico

O xornalista berciano Valentín Carrera compara a situación da comarca leonesa coa de Galicia e advirte das consecuencias do actual modelo económico

PUBLICADA O

- Advertisement -

O xornalista Valentín Carrera guiou ao equipo do programa El Escarabajo Verde polo Bierzo, comarca da que é natural e que coñece con profusión. Fíxoo para retratar os problemas ecolóxicos dunha rexión marcada na súa fisonomía pola pegada dunha economía voraz. Este naturalista vocacional está moi vencellado a Galicia e fala acotío a lingua de noso. Por mor desta dualidade, quen mellor para establecer os desafíos comúns no desenvolvemento destas dúas comunidades con fonda relación histórica.

Para Carrera, o desafío contemporáneo é “abandonar o modelo económico colonial, onde os recursos naturais están para ser saqueados” e transicionar cara  “un modelo de economía circular no que se produzan menos residuos”. Este proceso remataría coa incineración de residuos e a explotación agresiva das materias primas, segundo preconiza, cara un mellor emprego das materias primas e maior eficiencia enerxética.

Por desgraza, sinala, o modelo industrial segue “ancorado no século XIX”, tanto para a comarca do Bierzo como para Galicia, como indica a situación da mina de Touro. “Unha vez que as empresas levaron o beneficio, o que queda é un residuo, unha pegada ecolóxica de destrucción e lixo”. “É o modelo que queren impor –continúa– disfrazando con palabras amables coma a biomasa, ocultado o que de verdade implica, que é incinerar residuos animais, lamas de depuradoras…”.

Asegura o berciano que “ninguén cre que unha empresa de biomasa coma Forestalia, en Cubillos, vaia queimar restroballos e se dedique a limpar os montes”. Tal e como apunta Carreira, esta clase de proxectos incineran un gran volume de biomasa e para iso precisan empregar tamén residuos, o mesmo problema que plantexa a cementeira de Toural dos Vados, “onde o que se pretende é queimar pneumáticos, unha barbaridade dende o punto de vista ecolóxico e tamén industrial”.

A térmica de Bárcena supón un perigo ecolóxico para o pantano, pero o dano principal é na atmosfera, onde a combustión de carbón, como tamén a de biomasa e coque de petróleo da cementeira de Toural, ou da futura planta de Cubillos, enrarecen o aire dunha “comarca que é unha pota pechada, unha cazola xeolóxica onde a circulación do aire é difícil, onde se acumulan as substancias nocivas e por onde algunha razón resulta ser unha das zonas de España co aire máis contaminado en todos os índices publicados”.

Con todo, hai outros xeitos de aproveitar os recursos do Bierzo. “Existe a alternativa de reciclar os pneumáticos: coas rodas vellas pódense facer campos de fútbol, parques infantís, asfalto, roupa de seguridade, solas de botas… Hai mil aplicacións para evitar emitir á atmosfera substancias tóxicas”. E de cara a un desenvolvemento limpo, Carrera cita os viños do Bierzo, “palanca en desenvolvemento en perigo pola contaminación do aire”. Este eido ten grandes sinerxias co turismo sostible.

Sector viñateiro no Bierzo | Valentín Carrera
Sector viñateiro no Bierzo | Valentín Carrera

Os problemas ecolóxicos están vencellados tamén ao modelo de infraestruturas e de urbanismo. “Penso que compartimos os mesmos somieres pechando o campo, as bañeiras no medio do prado que serven de bebedoiro para as vacas”, comenta. “Temos un modelo de alcaldes que pensan en que todo pode resolverse con asfalto e cemento” e de “desidia” nas administracións en todo o referente ao coidado do medio ambiente e o patrimonio. “Non hai diferencias significativas entre o mal que se fai no Bierzo con respecto en Galicia”, di, e pon coma exemplo o incendio das pallozas de Campo da Auga, sen reparación dende hai tres décadas. 

Carrera fala do Bierzo coma “unha prolongación de Galicia”, aínda que “diferenciado, cunha personalidade propia”. Fala de como comparten o ecosistema do Sil, de como os corzos dos Ancares saltan sen preguntar onde están. “O Bierzo é lugar de paso para as culturas, a continuidade prodúcese de xeito natural”. Isto sucede coa peregrinaxe do Camiño, mais tamén podería extenderse ao Eixo Atlántico.

Preguntado por esta cuestión, di recomendar aos defensores do corredor de mercadorías a lectura de España, capital París, do ensaísta catalán Germà Bel. “Nel explícase como o modelo de infraestruturas español, o modelo radial que parte de Madrid e que foi e segue a ser ineficiente e un desastre económico”. Antes de falar do corredor atlántico, di, habería que atender á desigualdade entre a fachada atlántica e todo o que queda ao leste da Autopista do Atlántico, a AP-9, un interior “desestruturado, despoboado, pobre”.

“Coido que hai que facer unha fonda reflexión sobre o modelo de infraestuturas que ten que pasar por redes locais, comunicación de cercanías. Iso é máis urxente que calquera gran autovía de gran capacidade ou eixo de comunicación”, insiste. Segundo a súa opinión, a recuperación da Galicia rural pasa por reformular o sistema de infraestruturas por completo. 

“Quen vai ir pola nova autovía entre Lugo e Ourense, que parecemos Fránkfurt, se aquí non queda ninguén?”.

 

ÚLTIMAS

Coñece navegando o corazón da Ribeira Sacra

Os canóns do Sil son un dos monumentos naturais máis impresiontantes de Galicia. Son...

Terá Lugo nova estación de tren e autovía a Santiago en 2025?

O ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, garantiu este venres en Lugo que...

Adxudicada as obras de acondicionamento e mellora da LU-710 que conecta a N-V coa A-6, en Baralla

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adxudicou por 2.302.355 euros a execución...

Falece o empresario José Rouco tras saírse da vía co seu vehículo e chocar contra outros dous estacionados

O empresario José Rouco perdeu a vida tras saírse da vía co seu vehículo...