Lugo négase a recibir o novo auditorio mentres non se arranxen as deficiencias

Os técnicos municipais detectaran humidades na infraestrutura, ademais de danos na tarima da sala principal e nas billas dalgúns aseos.

O novo auditorio de Lugo | Arquivo

EFE.- O Concello de Lugo non recibirá o novo auditorio de Lugo, cuxa obra civil está rematada desde hai catro anos, ata que a Xunta emende as “incidencias atopadas” nas inspeccións realizadas polos técnicos municipais.

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, lembrou en declaracións aos medios que “antes da recepción da obra, técnicos de diferentes áreas do Concello realizaron unha minuciosa inspección para cursar os correspondentes informes”. Tras esa supervisión, sinalaron a existencia dalgunhas humidades no edificio, pequenos danos na tarima da sala principal e defectos nas billas dalgúns aseos.

“Para garantir a seguridade das veciñas e os veciños de Lugo e o bo funcionamento das instalacións”, o concello non aceptará o auditorio ata que se amañe o preciso. Na mesma liña, Ferreiro dixo que o goberno municipal traballa “para realizar a apertura do auditorio con rigor e seriedade”.

PRIMEIRO, O TALENTO LUCENSE

Ademais, confirmou que, de acordo co criterio establecido pola área de Cultura nos últimos meses, “artistas e agrupacións lucenses serán as primeiras en actuar” cando o novo auditorio abra as súas portas. EFE

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here