Home Sen categorizar Lugo pecha a consulta para actualizar a Ordenanza de Contaminación acústica

Lugo pecha a consulta para actualizar a Ordenanza de Contaminación acústica

0
Lugo pecha a consulta para actualizar a Ordenanza de Contaminación acústica
O Concello de Lugo pechou o trámite de consulta pública previa para a actualización da Ordenanza de Contaminación Acústica, cun total de sete achegas recibidas. O proceso permitiu recoller propostas de diferentes sectores da cidade, entre eles colectivos empresariais como APEC e o CEL, asociacións veciñais, colexios profesionais e particulares.
Con este paso, o Goberno local continúa avanzando na elaboración dunha normativa adaptada á realidade actual de Lugo, que permita reforzar a protección da saúde e do descanso da veciñanza e, ao mesmo tempo, ofrecer seguridade xurídica ás actividades económicas e culturais. A ordenanza actualmente vixente data de 1997. A consulta pública permite incorporar ao proceso de elaboración do novo texto as opinións e suxestións de persoas e entidades afectadas pola regulación acústica, co obxectivo de identificar necesidades e propostas antes de continuar coa tramitación.

 

O descanso veciñal e a convivencia, no centro da regulación
As achegas recibidas abordan cuestións diversas, desde a protección do descanso veciñal e a regulación dos horarios ata as condicións acústicas dos establecementos, o control das actividades e a aplicación de medidas correctoras. Entre os asuntos formulados figura a necesidade de adaptar as medidas de protección acústica ás características de Lugo mediante estudos técnicos, mapas de ruído e unha delimitación adecuada das zonas acústicas, con especial atención aos espazos residenciais e ás áreas con maior concentración de actividades.
As propostas tamén se refiren aos horarios e aos niveis de ruído permitidos, especialmente durante a noite, así como ás obras, aos traballos domésticos, ás actividades comerciais e industriais e aos eventos públicos. As celebracións ao aire libre e o funcionamento das terrazas son outros dos ámbitos nos que se apunta á necesidade de compatibilizar a actividade social e económica co dereito ao descanso.
A regulación da hostalaría e do ocio ocupa igualmente un lugar destacado, con consideracións sobre o illamento acústico, as condicións dos locais, os vestíbulos de acceso e as posibles limitacións das actividades. As achegas recollen diferentes perspectivas sobre como reforzar a protección acústica e, ao mesmo tempo, evitar restricións xeneralizadas que poidan dificultar a apertura ou continuidade dos negocios.

 

Control do ruído e seguridade xurídica
As propostas inclúen tamén cuestións relativas aos sistemas de medición, inspección e control, como os estudos acústicos, as comprobacións sonométricas, os limitadores e rexistradores de son e os sistemas de seguimento telemático. Outras achegas céntranse no ruído procedente das instalacións de climatización e ventilación, as actividades deportivas e comerciais, os vehículos, a carga e descarga de mercadorías ou as instalacións industriais. Tamén se aborda a convivencia na vía pública e a delimitación das responsabilidades dos titulares das actividades e da Administración municipal.
Por último, as propostas suscitan a importancia de establecer criterios claros para aplicar as medidas correctoras e o réxime sancionador, así como de valorar os períodos de adaptación, a viabilidade técnica e económica das actuacións necesarias e as posibles fórmulas de apoio aos sectores afectados. O Concello continuará agora co traballo de análise das achegas recibidas para avanzar na elaboración da nova ordenanza. O obxectivo é dotar Lugo dunha regulación acústica actualizada, tecnicamente fundamentada e adaptada á realidade municipal, que contribúa a mellorar a convivencia e a calidade de vida da veciñanza.
OBRAS NA RONDA DA REPÚBLICA ARXENTINA
 O Concello de Lugo informa de que as obras da pasarela peonil sobre a Ronda da República Arxentina están en marcha e avanzan conforme á planificación trasladada pola empresa adxudicataria. A actuación foi adxudicada o pasado 24 de agosto á UTE formada por Citanias Obras y Servicios e Geocaminos, por un importe de 1.115.361,22 euros. O contrato formalizouse o 17 de setembro.
Na actualidade, a empresa está a fabricar a estrutura metálica en dous talleres especializados, debido ás características técnicas da infraestrutura. Esta fase dos traballos desenvólvese fóra da vía pública, polo que non é visible desde a rúa. Segundo a planificación facilitada pola adxudicataria, as cimentacións executaranse antes de que remate o ano. A colocación dos piares está prevista para mediados de maio de 2027 e a instalación da pasarela para finais dese mesmo mes.
+ posts

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here