InicioCulturaO sabugueiro, árbore de feitizo e propiedades inesgotables

O sabugueiro, árbore de feitizo e propiedades inesgotables

Abundante en Galicia, as posibilidades e misterios do sabugueiro inspiraron a poesía de Bouza Brey ou Noriega Varela, e agora rexorde no eido culinario

PUBLICADA O

- Advertisement -

UXÍA IGLESIAS | Se ben hai algo que caracteriza ao ser humano é a súa capacidade para aproveitar os recursos da natureza. E precisamente o sabugueiro é unha árbore da que se pode sacar moito proveito: tanto a súa flor branca que agroma a finais da primavera, coma as súas bagas moradas que madurecen ao remate do verán, e tamén a súa madeira, son empregadas para cuestións moi diversas.

Quizais, a cara menos coñecida dela é a gastronómica… Ten fama de tóxica, mais das súas bagas ou flores saen marmeladas, xalea, cervexa e licores moi saborosos. Xusto a isto é ao que se dedican Nelson e Eva no proxecto Carabuñas, a primeira empresa galega que sacou ao mercado este tipo de produtos elaborados co sabugueiro.

Os dous son bos coñecedores das propiedades desta planta, moi venerada ao longo da historia non só en Galicia, senón tamén no resto de Europa. “Todos tiñan un sabugueiro á beira da casa porque era coma ter unha farmacia”, comenta Nelson. Ao seu uso medicinal súmase o seu uso para crear instrumentos. E ademais, esta árbore deu moito xogo a grandes poetas coma Noriega Varela ou Bouza Brey, que lle adicaron fermosos versos. Como non, o uso máxico tamén está ligado de raíz ao sabugueiro: alguén imaxina de que estaba feita a variña máxica de Harry Potter?

CARA A: A ÁRBORE “GOURMET”

“A flor do sabugueiro distínguese pola súa suavidade aromática. Con ela facemos xalea que serve para darlle un toque de aroma aos queixos, aos xeados… Polo outro lado, o froito, que sempre se debe comer maduro e cociñado, pode parecerse ao arándano ou á mora, pero cun gusto moito máis suaviño”. Con especial delicadeza Nelson describe os diferentes sabores da árbore. É “delicada” no tratamento, pero dá moito de si. Co seu froito, Carabuñas crea o licor e a cervexa. “No resto de Europa elaboran o licor coa flor, pero nós queriamos saírnos do que xa había e empregamos o froito mesturado con augardente galega”. O resultado? Suavidade e aroma “impresionante”.

No caso da cervexa, quixeron ver que lle podía aportar o sabugueiro a esta bebida tan demandada. Sen perder a súa esencia, conseguiron darlle un “toque afroitado” e unha “cor moi bonita”, di Nelson. No proceso de creación manteñen sempre un coidado ecolóxico esmerado e agora mesmo contan con 700 pés de sabugueiro. A súa aposta pola innovación e por emprender proxectos no rural deu os seus froitos: o premio ao sabor máis orixinal no certame Innofórum e o Premio AGADER 2018 na categoría de sector agrogandeiro. “Estando no rural xogamos noutra liga, así que este tipo de iniciativas só sairán adiante se temos apoio. Precísase ilusión e un pouco de chifladura, pero tamén soporte económico”, di Nelson, convencido de que “ata que non se nos tome como parte da solución do rural, non haberá cambios”.

Descobre outras catro caras do sabugueiro nesta reportaxe de GaliciaConfidencial

ÚLTIMAS

O SLG alerta das xubilacións masivas en granxas e pide axudas para novas incorporacións e plans de mellora

Responsables do Sindicato Labrego Galego concentráronse este mércores en Lugo, diante do edificio da...

Traballadoras de residencias privadas mobilízanse en Lugo en demanda dun convenio digno

O persoal das residencias privadas de Galicia continúa coas súas mobilizacións en demanda dun...

O Concello de Lugo concede máis de 250 licenzas de obra en 2024 por máis de 100 millóns de euros

O Concello de Lugo tramitou en 2024 un total de 256 licenzas de obra,...

Investigan un veciño de Cervantes por vender sen autorización madeira dun monte comunal

Un veciño do municipio lugués de Cervantes figura como investigado pola Garda Civil por...