A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, elixiu Lugo para iniciar a campaña electoral de face ás eleccións do próximo 29 de novembro xunto a Olalla Rodil, candidata da formación nacionalista ao Congreso dos Deputados pola provincia, nun acto centrado na defensa dos salarios, as pensións e “o dereito a unha vida digna”.
Rodil situou como principal preocupación da cidadanía a dificultade para chegar a fin de mes, especialmente nunha provincia como Lugo, “onde os salarios se atopan entre os máis baixos do Estado e as pensións son as segundas máis baixas de Galicia”. A candidata denunciou as dificultades que afrontan moitas familias para pagar o aluguer, facer fronte ás facturas e encher a cesta da compra.
“Unha das preocupacións que ten a xente de Lugo no seu día a día é como vai facer para chegar a fin de mes, como vai facer para pagar o aluguer, as facturas e encher a neveira”, sinalou. Neste sentido, criticou que o Partido Popular comezase a precampaña pedindo sacrificios á poboación lucense. “Que máis sacrificios lle pide o Partido Popular á xente desta provincia, que a duras penas pode pagar o aluguer, encher a neveira e pagar as facturas?”, pregúntase.
Rodil reclamou que Lugo conte cunha representación política forte en Madrid para defender unhas condicións de vida dignas, tanto para as persoas traballadoras como para as pensionistas. “A xente de Lugo non ten que sacrificarse, ten que ter unha vida digna e con dereitos, e iso é o que habemos de defender no Congreso a partir do 29 de novembro”, afirmou.
Nesta xornada inicial, a cabeza de lista para o Congreso estivo acompañada do segundo na lista, Iago Suárez, e da candidata ao Senado, Brenda González. Pola súa banda, Ana Pontón incidiu nesta mesma cuestión, que o BNG representa “unha alternativa política centrada en mellorar as condicións de vida da maioría social”. A portavoz nacional advertiu de que Galicia combina salarios e pensións por baixo da media cunha inflación situada entre as máis elevadas do Estado, “o que provoca unha maior perda de poder adquisitivo”.
“Hai algo que baixo ningún concepto podemos dar por normal, e é que un salario non nos permita chegar a fin de mes”, afirmou, ademais de denunciar o encarecemento da vivenda e as dificultades de miles de mozos para desenvolver o seu proxecto de vida, así como a existencia de pensións inferiores ao salario mínimo interprofesional.
A dirixente nacionalista defendeu a necesidade de adoptar medidas concretas para aliviar a situación económica das familias. Entre as súas propostas mencionou establecer prezos máximos para os produtos de primeira necesidade e os carburantes, limitar os prezos dos alugueres e aplicar en Galicia unha tarifa eléctrica máis barata que permita á cidadanía beneficiarse da riqueza enerxética do territorio.
ACUSACIÓNS Ao PP POR FAVORECER A ESPECULACIÓN INMOBILIARIA
Pontón tamén cargou contra a xestión do Partido Popular en Galicia, ao que acusa de favorecer a especulación inmobiliaria, deteriorar os servizos públicos e aplicar beneficios fiscais ás rendas máis altas mentres prexudicaba ás pensións máis baixas. Neste sentido, lembrou que o complemento autonómico das pensións non contributivas permaneceu conxelado durante os gobernos de Alberto Núñez Feijóo en Galicia e continúa na mesma situación co Executivo de Alfonso Rueda.
Ante as eleccións do 29 de novembro, a portavoz nacional fixo un chamamento a concentrar no BNG o voto inconformista e de quen reclaman “políticas que garantan unha vida digna”. Pontón asegurou que a formación está a disputar escanos en todas as circunscricións galegas e mostrouse convencida de que pode dar un importante salto electoral.
“Un bo resultado do BNG é unha garantía de freo a aqueles que nos queren levar cara atrás“, afirmou, acusando o Partido Popular de estar “moi nervioso durante esta campaña, con ataques, manipulacións e difusión de bulos ante o crecemento da formación nacionalista”.
Sobre as enquisas electorais, pediu pediu prudencia á hora de interpretar os resultados, aínda que destacou que reflicten “unha tendencia á alza” do BNG. A dirixente insistiu en que a concentración do voto nacionalista pode permitir que Galicia gañe peso político no Congreso e “evitar un retroceso en dereitos e políticas sociais”.
Finalmente, mostrou a súa confianza na candidatura de Olalla Rodil, de quen asegura que será “unha voz moi poderosa” no Congreso dos Deputados para dar voz a Lugo e ao conxunto de Galicia. “A política ten que servir para pór solucións aos problemas”, concluíu, insistindo en que os salarios e as pensións deben permitir á cidadanía vivir con tranquilidade e chegar a fin de mes.
