O xulgado de instancia de Lugo, praza 1 da sección do contencioso-administrativo, acordou eximir cautelarmente un médico de 60 anos, especialista en Otorrinolaringoloxía, de realizar gardas médicas por razón da súa idade, mentres se tramita o procedemento xudicial e ata que haxa sentenza firme.
Este profesional, que desenvolve o seu labor no Hospital Público da Mariña en Burela (Lugo), solicitara a exención en 2025, ao abeiro do acordo da Mesa Sectorial de Sanidade de 1998, que recoñece este dereito aos facultativos especialistas das institucións sanitarias de atención especializada maiores de 55 anos.
Non obstante, o Sergas denegou a solicitude “por necesidades do servizo” e o médico volveu pedir a exención en 2026. Daquela, de novo a Administración rexeitou a petición pola “carencia absoluta de persoal facultativo da especialidade que poida cubrir esa actividade asistencial” no hospital.
Na súa resolución, a maxistrada considera que o Sergas non pode trasladarlle ao especialista as consecuencias da súa “falta de previsión”, xa que coñecía desde 2025 a súa intención de acollerse á exención e tivo tempo abondo para adoptar medidas que garantisen a cobertura do servizo. O auto tamén destaca que o médico cumpre os requisitos para quedar exento das gardas e que estas estaban a afectar seriamente a súa saúde, segundo acredita o informe psiquiátrico achegado ao procedemento.
Neste contexto, a xuíza considera que non resulta razoable sacrificar os dereitos e a saúde do profesional para paliar a falta de persoal derivada da falta de previsión da Administración sanitaria.
