InicioEconomíaA Deputación de Lugo eleva o seu orzamento para 2027 ata os...

A Deputación de Lugo eleva o seu orzamento para 2027 ata os 155 millóns, case un 15 % máis que este ano

Son os máis elevados da institución e reforzan a cooperación con concellos, rede viaria, atención a maiores e servizos de emerxencia.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Deputación de Lugo contará en 2027 cun orzamento de 155.241.120 euros, o máis elevado da súa historia e case un 15 % superior ao deste exercicio. As contas, que o Goberno provincial levará a pleno este mes para o seu debate e aprobación, incorporan preto de 20 millóns de euros adicionais, principalmente pola participación nos tributos do Estado correspondente a este exercicio, que ascende a 17.689.088 euros e se fará efectiva o vindeiro ano.

A presidenta da institución, Carmela López, e o vicepresidente, Efrén Castro, presentaron este venres o proxecto orzamentario, acompañados polo resto dos integrantes do Goberno provincial. López defendeu que o incremento dos recursos debe traducirse nunha maior cooperación cos concellos e na mellora dos servizos públicos, aínda que advertiu de que a provincia precisa máis financiamento para facer fronte a retos como a dispersión poboacional, o avellentamento e as deficiencias nas comunicacións. Un dos principais incrementos concentrarase no Plan Deputación, que disporá de 25 millóns de euros, 2,75 millóns máis que en 2026. A dotación medrará un 12,4 %, unha suba superior aos 250.000 euros anuais que se viñan incorporando ata agora. Un total de 63 dos 67 concellos recibirán máis fondos, mentres que os outros catro xa perciben a cantidade máxima prevista. Con todo, seguirán tendo autonomía para decidir o destino destes recursos.

O investimento real consolidado da Deputación e do Consorcio Provincial de Bombeiros aumentará un 54,11 %, ata os 30.114.483 euros. Se se suman as achegas aos concellos e ás entidades sociais, deportivas, culturais e educativas a través de distintos instrumentos, a cantidade ascende a 67.885.344 euros. A esta cifra engádese unha reserva de 3.043.542 euros para continxencias e imprevistos. A cooperación municipal tamén contará con ferramentas técnicas e tecnolóxicas. A aplicación de recadación que acaba de comezar a funcionar recibirá preto dun millón de euros, mentres que a estratexia de intelixencia artificial MencIA disporá de 300.000 euros para continuar o seu desenvolvemento, co obxectivo de despregala por completo e ofrecer aplicacións aos concellos antes de 2030.

ESTRADAS E REFORZO DA ATENCIÓN ÁS PERSOAS MAIORES

A rede viaria provincial concentrará unha parte destacada dos recursos. A partida destinada á conservación e mellora das estradas alcanzará os 23.145.363 euros, fronte aos 18.901.014 euros do exercicio actual. A atención ás persoas maiores será outro dos capítulos reforzados. A Deputación destinará 16.291.447 euros a este ámbito, 4,5 millóns máis que en 2026. A partida permitirá mellorar a atención nas nove residencias provinciais, que contan con 300 prazas ocupadas, incorporando máis persoal sanitario e técnico, e continuar os proxectos para construír ou abrir centros na Pobra do Brollón, Becerreá, A Pontenova, Guitiriz, Ourol e Cervantes. Segundo sinalou a presidenta, as dúas primeiras ultiman os trámites para poderen entrar en funcionamento.

A institución manterá ademais o financiamento da teleasistencia domiciliaria, un servizo gratuíto que atende unhas 2.000 persoas, e a colaboración cos concellos para sufragar o Servizo de Axuda no Fogar a través do Plan Deputación. O orzamento para a atención ás emerxencias medrará un 18,37 %, ata os 5.595.503 euros. Desta cantidade, 4.623.203 euros transferiranse ao Consorcio Provincial de Bombeiros para reforzar os seus medios materiais e humanos e avanzar na posible integración dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES). As contas inclúen tamén fondos para redactar o proxecto de construción dun parque de bombeiros na Montaña. Tamén se prevé dotar os concellos de desfibriladores para avanzar cara a unha provincia cardioprotexida e poñer á súa disposición un servizo de drons.

APOIO AO SECTOR PRIMARIO E AO TURISMO

A Deputación manterá o apoio a actividades económicas estratéxicas para Lugo, especialmente a gandaría e o turismo. A Granxa Experimental de Leite Gayoso Castro contará con 2.735.695 euros, un 22,4 % máis que en 2026. Pola súa banda, as rutas fluviais polos ríos Miño e Sil disporán de 1.632.408 euros, un 42 % máis. Ademais, as reservas da biosfera de Ancares e Terras do Miño, que abranguen 29 concellos e máis de 400.000 hectáreas, recibirán 685.000 euros, un 29 % máis. Se se incorporan as partidas para parques e xardíns, protección e mellora ambiental e centros de interpretación, os recursos destinados a estes ámbitos sumarán 3.726.375 euros.

A área de Medio Rural contará con 3,2 millóns de euros para consolidar os seus programas de apoio á actividade agrogandeira. Entre eles figuran O que non arde, centrado no fomento da gandaría extensiva; Da Escola á Granxa, dirixido a escolares; Marela, para apoiar a recría da raza rubia galega, e Un gusto de rural, un rural de gusto, destinado a promocionar produtos de razas autóctonas. O orzamento da área de Deportes alcanzará os 4,6 millóns de euros, destinados principalmente a apoiar clubs e entidades deportivas, tanto de base e afeccionados como profesionais e semiprofesionais. A esta cantidade súmanse 1,5 millóns para o funcionamento e a modernización das instalacións propias, entre elas o Pazo dos Deportes, o Anexo e a Escola de Piragüismo.

En Cultura, reservaranse 1,6 millóns de euros para axudas a asociacións e entidades e outros 1,8 millóns para programación propia. A oferta incluirá circuítos de teatro afeccionado e profesional, actividades de difusión da música tradicional a través de Tradigalu, ciclos de cinema, exposicións e propostas divulgativas, con especial atención á contratación de creadores locais e á promoción da lingua. A Rede Museística Provincial contará cun orzamento global de 4,5 millóns de euros para programación, actividades e mantemento dos edificios, tres deles declarados Ben de Interese Cultural. Pola súa banda, o Centro de Artesanía e Deseño disporá de 1,8 millóns de euros.

O vicepresidente provincial, Efrén Castro, defendeu que as contas responden ás características e necesidades do territorio. “Son unhas contas pensadas para a realidade dunha provincia extensa, dispersa e cunha poboación avellentada”, sinalou, destacando o aumento do financiamento do Plan Deputación, que considera un dos compromisos centrais do Goberno provincial. “O Goberno provincial asentouse nun acordo que fixaba como un dos obxectivos reforzar este instrumento de cooperación cos concellos e culminamos o mandato cumprindo con este compromiso”, afirmou. Tamén puxo en valor os oito millóns de euros destinados a colectivos e entidades vinculados á cultura, ao deporte, á actividade agrogandeira e á conservación do patrimonio, tanto mediante axudas directas como a través de programacións.

+ posts

ÚLTIMAS

Pontón e Rodil inician a campaña en Lugo pedindo “salarios e pensións dignos para poder chegar a fin de mes”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, elixiu Lugo para iniciar a campaña electoral...

Besteiro critica os “millóns dilapidados” por Feijóo en Lugo en “proxectos fracasados”, como o de Rozas

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que a historia recente...

Un xulgado de Lugo exime preventivamente a un otorrino de 60 anos de facer gardas médicas por razón da súa idade

O xulgado de instancia de Lugo, praza 1 da sección do contencioso-administrativo, acordou eximir...

XXIII Xornadas Técnicas de Seragro

A inauguración oficial das XXIII Xornadas Técnicas de Seragro tivo lugar este xoves 12...