Todo listo para que esta fin de semana, 6 e 7 de abril, se celebre en Vilalba unha nova exaltación gastronómica dun dos queixos con mellor evolución no mercado destes últimos anos, o queixo se San Simón da Costa.
O evento chega este ano á XXV edición e, ademais de conseguir saír no cupón da ONCE do sábado 6, o Concello e a Asociación de Queixeiros/as quixeron dar un paso máis e confeccionar unha programación con máis música, tanto de rúa como de salón, máis actividades divulgativas e apostar por un pregoeiro galego de nivel. O escollido foi Luis Zahera, recente Premio Goya pola súa interpretación en ‘El Reino’.
No recinto feiral, en horario de mañá e tarde o sábado e só de mañá o domingo, haberá 8 queixerías amparadas pola DOP Queixo San Simón da Costa, pero tamén outros postos de produtos do pais como aceite ‘centoxcento’ Figueiredo, embutidos, repostería… e tamén algúns de artesanía.
A DOP SAN SIMÓN DA COSTA
Falamos con Ángel Ramil, xerente do Consello Regulador da DOP San Simón da Costa.
Como foi o 2018 para a DOP?
Moi positivo. Aumentou a produción e seguimos a traxectoria ascendente. En cifras o aumento tradúcese nun 4,79 %. En quilos certificados chegamos a 503.698 este ano e no 2017 a cifra foi de 408.680 quilos.
O número de queixerías mantense?
Seguimos contando con 10 certificadas. Non aumentou o número de queixerías pero podo dicirche que as oito máis pequenas dan traballo xa a 50 empregados/as.
Que me contas da internacionalización?
Moi ben tamén. O comercio internacional representa xa o 10% da produción total. Sobre 41.686 quilos exportados.
Levar os queixos tan lonxe igual non é doado, que ‘atrancos’ pode haber?
Hoxe as comunicacións e o transporte melloraron en calidade e en tempos pero o San Simón, como outros produtos perecedoiros, necesitan dun trato amable e moi coidadoso no seu transporte. Nese aspecto non é doado pois ás veces os queixos van en contedores con outros produtos, a almacenaxe e os trasvases non son os óptimos co cal por este lado podería mellorarse.
Premios máis destacados e recentes?
Recoñecementos moitos pero por darche un dato co que quedarnos dun queixo amparado, o “Crisanto” que foi o Mellor Queixo de España no 2017, o mellor de todas as categorías presentadas, o mellor dos mellores por así dicilo. Este mesmo recibiu o ouro na XVII Cata de queixos galegos 2018.
Que representa a Feira do Queixo de San Simón de Vilalba para a DOP?
No que respecta á venda é importante pero xa secundario. No seu día naceu para sacar produto pero hoxe ten máis un sentido promocional e incluso de intercambio comercial. A feira vai cada ano a máis, penso que está ben enfocada e o camiño non é malo.
Se tivésemos que localizar no mapa español e internacional os lugares onde hai máis demanda de San Simón, cales serían?
A nivel nacional diríache que Madrid, Cataluña e País Vasco. A nivel internacional non sei darche un ‘ranking’ pero consúmese moito en países como Francia, Holanda, Suiza, Finlandia, Malta, Canadá, EE.UU., Australia ou Xapón.
Do labor de promoción, á marxe de medios, que facedes?
Ultimamente están funcionando moi ben as charlas en escolas de hostalería e vemos tamén que chefs importantes están dándoo a coñecer en cada vez máis elaboracións gastronómicas. Cada vez é máis doado atopar tamén en restaurantes o queixo de San Simón.
Algunha anécdota ou historia curiosa destes últimos anos?
A máis recente, que saímos no Cupón da ONCE deste sábado 6 de abril. E outras, a ver… A que me vén á cabeza agora, a chegada a Vilalba dun australiano que busca queixos diferentes polo mundo adiante, queixos únicos para facer reportaxes para a televisión. Pois ben, fixo a reportaxe e seica tivo moi boa audiencia co cal, supoño, aumentamos mercado nese país (risas).