InicioEconomíaTren Lugo-Madrid en menos de catro horas para 2020, un prazo realista?

Tren Lugo-Madrid en menos de catro horas para 2020, un prazo realista?

As previsións do Delegado do Goberno en Galicia manteñen o compromiso de reducir 87 minutos a viaxe en tren para 2019 pero reducen os prazos en adiante

PUBLICADA O

- Advertisement -

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, fixo balance dos compromisos do executivo central para a provincia, deixando dous importantes mensaxes no que respecta á infraestrutura ferroviaria. Ademais de confirmar que o protocolo da Intermodal de Lugo estará listo nas vindeiras semanas, estabeleceu en 87 minutos a redución no traxecto en tren a Madrid para este ano 2019, e outros 75 engadidos en 2020.

Cómpre avaliar este anuncio a través das infraestruturas licitadas nos orzamentos en vigor e os cálculos do anterior Goberno, aquel que fora desaloxado no primeiro de xuño. Un mes antes da moción de censura, o entón ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, visitaba Lugo para anunciar un investimento de 283 millóns de euros no periodo 2018-2021 para o tren que une a provincia coa capital estatal, incluíndo na cifra os 109 millóns que custara pór en servizo a variante de San Xiao.

Daquela, o Partido Popular marcouse dous prazos: unir Ourense e Madrid con Alta Velocidade no derradeiro trimestre de 2019, e reducir o tempo do tren de Lugo a Madrid a 3 horas e 50 minutos en 2021 (o tempo actual é de 6 horas e 20 minutos, case o dobre). De la Serna confesaba que aínda serían precisos entre 1.200 e 1.700 millóns de euros para activar as variantes de Os Peares-Canabal e Rubián, cada unha das cales permitiría recortar dez minutos da viaxe, eliminando un número considerable de pasos a nivel.

En novembro, o administrador estatal de infraestruturas ferroviarias, coa lucense Isabel Pardo de Vera á fronte, negouse a dar prazos para a chegada da Alta Velocidade a Lugo. Na reunión entre a máxima responsable de Adif e o secretario xeral dos socialistas galegos, unicamente trascendeu que o Goberno mantiña os prazos marcados para Ourense, con catorce treitos licitados.

Obras da alta velocidade a Galicia | Adif
Obras da alta velocidade a Galicia | Adif

Un mes despois, o secretario xeral de Infraestruturas, José Javier Izquierdo, trasladaba ao Eixo Atlántico que a electrificación da liña entre Ourense e Lugo ía segundo o previsto. Porén, limitouse a informar de que a data de exposición pública do estudo informativo para as variantes sería transmitida antes do Nadal. No seu día, De la Serna avanzara que este estudo sería público en outubro de 2018, coa pretensión de licitar as obras no verán de 2019. Este asunto quedou en suspenso, despois de que Izquierdo culpara o Goberno saínte de dar “prazos irreais”.

Así e todo, a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado de 2018 está a permitir a electrificación da liña de tren que vencella Lugo e Ourense. Isto implicará a modernización do servizo de media distancia, así como a posibilidade de que unha unidade do tren AVE poida separarse na cidade das Burgas e chegar á capital lucense. A execución destas obras estaba prevista para 2021, mais o Goberno confía en rematar para 2020.

Seguindo o calendario do delegado do Goberno, a consecución do treito Zamora-Pedralba permitirá un descenso notable no traxecto de Lugo a Madrid, que pasaría a 5 horas e 2 minutos, a finais de 2019. Está por ver se a previsión de Fomento para deixar o tempo en menos de catro horas para 2020 é realista, pois implica rematar o traxecto Pedralba-Ourense un ano antes do que anunciara o anterior titular da carteira de infraestruturas.

ÚLTIMAS

Candia presenta 50 propostas para incluír nos próximos orzamentos do Concello

A portavoz do Grupo Municipal Popular de Lugo, Elena Candia, presentou unha batería de 50...

A Audiencia de Lugo condena a 37 anos de cárcere a un sexagenario por agredir e violar durante 16 anos a tres menores

A Audiencia Provincial de Lugo acaba de condenar a un home de 65 anos a...

Auxilian a un menor que ameazaba con lanzarse do adarve da muralla de Lugo

Axentes da Policía Local de Lugo interviñeron o pasado mércores para evitar que un menor se...

Lugo terá lista para o San Froilán a humanización da avenida Infanta Elena

 desdobramento e humanización do último tramo da avenida Infanta Elena estará completado antes de que...