InicioEconomíaTren Lugo-Madrid en menos de catro horas para 2020, un prazo realista?

Tren Lugo-Madrid en menos de catro horas para 2020, un prazo realista?

As previsións do Delegado do Goberno en Galicia manteñen o compromiso de reducir 87 minutos a viaxe en tren para 2019 pero reducen os prazos en adiante

PUBLICADA O

- Advertisement -

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, fixo balance dos compromisos do executivo central para a provincia, deixando dous importantes mensaxes no que respecta á infraestrutura ferroviaria. Ademais de confirmar que o protocolo da Intermodal de Lugo estará listo nas vindeiras semanas, estabeleceu en 87 minutos a redución no traxecto en tren a Madrid para este ano 2019, e outros 75 engadidos en 2020.

Cómpre avaliar este anuncio a través das infraestruturas licitadas nos orzamentos en vigor e os cálculos do anterior Goberno, aquel que fora desaloxado no primeiro de xuño. Un mes antes da moción de censura, o entón ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, visitaba Lugo para anunciar un investimento de 283 millóns de euros no periodo 2018-2021 para o tren que une a provincia coa capital estatal, incluíndo na cifra os 109 millóns que custara pór en servizo a variante de San Xiao.

Daquela, o Partido Popular marcouse dous prazos: unir Ourense e Madrid con Alta Velocidade no derradeiro trimestre de 2019, e reducir o tempo do tren de Lugo a Madrid a 3 horas e 50 minutos en 2021 (o tempo actual é de 6 horas e 20 minutos, case o dobre). De la Serna confesaba que aínda serían precisos entre 1.200 e 1.700 millóns de euros para activar as variantes de Os Peares-Canabal e Rubián, cada unha das cales permitiría recortar dez minutos da viaxe, eliminando un número considerable de pasos a nivel.

En novembro, o administrador estatal de infraestruturas ferroviarias, coa lucense Isabel Pardo de Vera á fronte, negouse a dar prazos para a chegada da Alta Velocidade a Lugo. Na reunión entre a máxima responsable de Adif e o secretario xeral dos socialistas galegos, unicamente trascendeu que o Goberno mantiña os prazos marcados para Ourense, con catorce treitos licitados.

Obras da alta velocidade a Galicia | Adif
Obras da alta velocidade a Galicia | Adif

Un mes despois, o secretario xeral de Infraestruturas, José Javier Izquierdo, trasladaba ao Eixo Atlántico que a electrificación da liña entre Ourense e Lugo ía segundo o previsto. Porén, limitouse a informar de que a data de exposición pública do estudo informativo para as variantes sería transmitida antes do Nadal. No seu día, De la Serna avanzara que este estudo sería público en outubro de 2018, coa pretensión de licitar as obras no verán de 2019. Este asunto quedou en suspenso, despois de que Izquierdo culpara o Goberno saínte de dar “prazos irreais”.

Así e todo, a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado de 2018 está a permitir a electrificación da liña de tren que vencella Lugo e Ourense. Isto implicará a modernización do servizo de media distancia, así como a posibilidade de que unha unidade do tren AVE poida separarse na cidade das Burgas e chegar á capital lucense. A execución destas obras estaba prevista para 2021, mais o Goberno confía en rematar para 2020.

Seguindo o calendario do delegado do Goberno, a consecución do treito Zamora-Pedralba permitirá un descenso notable no traxecto de Lugo a Madrid, que pasaría a 5 horas e 2 minutos, a finais de 2019. Está por ver se a previsión de Fomento para deixar o tempo en menos de catro horas para 2020 é realista, pois implica rematar o traxecto Pedralba-Ourense un ano antes do que anunciara o anterior titular da carteira de infraestruturas.

ÚLTIMAS

Volve este luns ‘Lugo Termal’: descontos en balnearios lucenses para maiores de 50

A Deputación de Lugoabrirá este luns o prazo para solicitar as 1.750 prazas do programa...

Ferida unha persoa en Begonte tras caer nunha cuneta co seu tractor e quedar atrapada

Unha persoa resultou ferida tras caer nunha cuneta co seu tractor e quedar atrapada...

Ferida unha persoa ao sufrir queimaduras por mor dun incendio na súa vivenda en Monterroso

Unha persoa resultou ferida ao sufrir queimaduras por mor dun incendio na campá extractora...

O Goberno ratifica que “nas próximas semanas” abrirá o tramo Melide-Palas de Rei da A-54

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, ratificou que "nas próximas semanas" abrirá o...