O maior financiamento da Xunta permite ampliar o SAF nun 20 % e sumar 3.138 horas de atención o obxecto do contrato que hoxe se aprobou en xunta de goberno local ascende a 2.230.829,02 euros, distribuídos entre o exercicio 2026 e as anualidades futuras ata 2029.
O incremento do financiamento da Xunta de Galicia para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que eleva a achega subvencionable de 12 a 16 euros por hora en 2026, é un elemento clave para reforzar a capacidade de atención municipal ás persoas dependentes.
A mellora ten efectos retroactivos desde xaneiro de 2026. A achega autonómica continuará aumentando nos próximos exercicios, ata os 17 euros por hora en 2027 e os 18 euros en 2028, o que supón un maior apoio económico para os concellos na prestación deste servizo esencial.
Neste contexto, a Xunta de Goberno Local aprobou a modificación do contrato do SAF, adxudicado a Aralia Servicios Sociosanitarios, S. A., que permitirá ampliar nun 20 % o contrato e incorporar 3.138 horas adicionais de atención. O obxectivo é reducir a lista de espera e priorizar as persoas cun maior nivel de dependencia.
Na actualidade, o servizo atende 455 persoas. Segundo os datos municipais, a lista de espera situábase en 538 persoas o pasado 20 de outubro, fronte ás 585 rexistradas en xuño, cando se produciu o cambio de goberno municipal. Isto supón unha redución de 47 persoas.
Coa incorporación das novas horas, o obxectivo é atender a totalidade das persoas en lista de espera con grao III de dependencia e practicamente todas as que teñen grao II.
200.000 euros en axudas ao alugueiro de vivenda, con efectos retroactivos desde xaneiro
A Xunta de goberno local autorizou o gasto e aprobou as bases da convocatoria das axudas ao alugueiro de vivenda. Eleva de 400 a 550 euros o límite do alugueiro subvencionable, un 37,5 % máis, para adaptalo á suba dos prezos e facilitar o acceso das persoas con recursos limitados, esta é unha das novidades. A actualización responde á evolución dos prezos da vivenda, que facía que numerosos alugueiros superasen o límite anterior e dificultaba que as persoas arrendatarias puidesen acceder a estas axudas.
As axudas que hoxe se aprobaron na Xunta de Goberno Local cubrirán entre o 20 % e o 50 % do alugueiro mensual, en función dos ingresos da unidade familiar ou de convivencia. A referencia que se utilizará é o IPREM, tamén se terán en conta o de persoas da unidade familiar, número de descendentes, e o número de ascendentes.
Para calcular a renda subvencionable só se terá en conta o alugueiro da vivenda propiamente dita quedando excluídos conceptos como os gastos de garaxe, rocho, comunidade e subministracións.
A convocatoria terá efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2026. O actual Goberno municipal pon en marcha estas axudas, que o anterior executivo deixou pendentes de aprobar, para que as persoas beneficiarias non perdan o apoio económico que lles corresponde polos meses transcorridos desde o inicio do ano.
Poderán solicitar estas axudas as persoas arrendatarias maiores de idade ou maiores de 16 anos emancipadas, con contrato de alugueiro dunha vivenda situada en Lugo e empadroadas nela, sempre que cumpran os requisitos económicos e sociais establecidos nas bases. Con carácter xeral, esíxese unha antigüidade mínima de seis meses de empadroamento no municipio. O alugueiro mensual subvencionable non poderá superar os 550 euros. A convocatoria abrangue os exercicios 2026 e 2027, cunha duración máxima de 24 meses.
O programa dá continuidade á liña municipal de apoio ao alugueiro que os Servizos Sociais desenvolven desde 2005, en colaboración coa Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo (EVISLUSA).
Dúas licenzas urbanísticas para construír 42 vivendas
A Xunta de Goberno Local concedeu dúas licenzas urbanísticas para a construción de 42 vivendas, cun orzamento de execución material con urbanización que supera os tres millóns de euros.
A primeira das licenzas corresponde á construción dun edificio na avenida da Coruña, esquina co Camiño de Pipín. O proxecto contempla 38 vivendas distribuídas en sete plantas altas, dous locais comerciais na planta baixa, 99 prazas de aparcadoiro e 94 rochos nos sotos. O orzamento de execución, incluída a urbanización, ascende a 2.692.852,52 euros
A segunda licenza é para a construción dun edificio na rúa Florentino López Cuevillas, número 9. O proxecto inclúe catro vivendas distribuídas en catro plantas altas e baixo cuberta en formato dúplex, ademais de 14 prazas de aparcadoiro e catro rochos. O orzamento de execución é de 384.364,47 euros.
600.000 euros para conservar as vías públicas do rural
A Xunta de Goberno Local aprobou a contratación dos traballos de conservación e mantemento das vías públicas municipais da zona rural, cun orzamento total de 600.000 euros, IVE incluído.
O contrato dividirase en dous lotes. O primeiro, cun importe de 278.134,11 euros, abranguerá parroquias da zona norte e leste do municipio. O segundo, por 321.865,89 euros, corresponderá a parroquias das zonas sur e oeste.
Deste xeito o goberno local terá capacidade de resposta máis rápida para atender as necesidades urxentes da reparación de firmes deteriorados.
Novo contrato para o mantemento dos edificios municipais
Tamén se aprobou iniciar a contratación do servizo de mantemento, conservación e reparación dos edificios municipais. O orzamento inicial de licitación ascende a 200.000 euros, IVE incluído, para un ano de contrato.
Outros acordos
Tamén se aprobaron as bases para a concesión de subvencións destinadas a asociacións culturais e entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolvan actividades culturais gratuítas no municipio durante 2026. A convocatoria conta cun orzamento de 15.000 euros e tramitarase mediante concorrencia competitiva.
A Xunta de Goberno Local aprobou solicitar á Comisión Europea unha nova subvención para garantir a continuidade de Europe Direct Lugo en 2027, no marco do programa para o período 2026-2030. O proxecto conta cun orzamento de 75.000 euros, dos que 40.000 euros corresponderían á Comisión Europea e os 35.000 restantes ao Concello.
Persoal
A Xunta de Goberno Local aprobou o nomeamento de tres policías locais como funcionarios de carreira. Os nomeamentos corresponden á oferta de emprego público de 2024 e prodúcense tras superar o proceso selectivo, a formación na Academia Galega de Seguridade Pública e o período de prácticas. Tamén se aprobou o nomeamento de catro auxiliares administrativos como funcionarias de carreira, pertencentes ao grupo C2 da escala de Administración Xeral, tras superar o correspondente proceso selectivo.