InicioSociedadeOrozco entrega a documentación que desmentiría os subornos polo Garañón

Orozco entrega a documentación que desmentiría os subornos polo Garañón

O exalcalde tenta acreditar que pagou dúas prazas de garaxe que varias testemuñas aseguran que foron agasallos pola urbanización do Garañón

PUBLICADA O

- Advertisement -

O avogado do exalcalde de Lugo, Xosé López Orozco, presentou documentación que acreditaría que o seu cliente pagou as dúas prazas de garaxe obxecto de pescudas na causa pola urbanización do Garañón. A defensa pide o arquivo da causa na que se investiga un suposto suborno para favorecer a construción.

As prazas de garaxe, adquiridas en 2006, foron fiscalizadas a raíz de testemuños que as vincularon a un suposto “agasallo” ao outrora rexedor para facilitar os trámites da urbanización, paralizada xudicialmente e investigada pola titular do xulgado de instrución número 1, Pilar de Lara. A maxistrada tamén imputou ao exconcelleiro de urbanismo e exsecretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro.

A acusación contra Orozco, segundo o avogado Gregorio Arroio, desmontarase co entregado este martes. O letrado asegura que a legalidade da transacción quedara acreditada “a través de escritura pública de compravenda e a factura emitida”.

Entre esa documentación entregada no xulgado para procurar o sobresemento na causa sdo Garañón irá “o resgardo do ingreso na conta corrente dos 16.704 euros” para o abono desas dúas prazas de garaxe, situadas nun edificio construído fronte á casa do exrexedor.

Arroio argumenta asemade que conta “coa declaración anual de operacións con terceiros da Axencia Tributaria onde queda acreditado” devandito pago. “Esperemos que con isto se esquezan desa suposta imputación de agasallo, un agasallo que está pagado e acreditado con documentos de Facenda”, sostén o letrado madrileño.

Expediente por dilacións na instrución

Acerca da investigación á xuíza por “dilacións indebidas”, aberta polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), o letrado afirma que “non cre que isto vaia interferir” con respecto ao seu cliente. No entanto, Arroio opinou que se nota que dalgún xeito se está a notar que as cousas avanzan con rapidez meirande, cando antes pasaban “ata catro ou cinco meses” para prover un escrito.

O avogado de Orozco apuntou que “o que realmente se ten que investigar é a forma de instruír” de Pilar de Lara, instando a que se revise “por que se producen esas macrocausas, como Carioca, Pokemon, Cóndor ou Polbo entre outras” nun xulgado provincial, deslizando que este proceder obedece “a unha acumulación innecesaria de papel”.

Lembra o letrado como nalgúns escritos referíase a que o xulgado actuaba como unha “Audiencia Nacional, cando o xulgado número un refírese exclusivamente a Lugo e á súa provincia”. “Esténdese con documentos, con papeis, con petición de contratos a moitos concellos e entón atopámonos con miles e miles de folios que son absolutamente inmanexables. Eu coido que será isto o que se está investigando”, sinala.

Múltiples causas abertas

Sobre Orozco, salvadas varias investigacións, aínda pesan unha relativa sobre a ORA (aparcadoiros en superficie dentro da peza da Véndex na Operación Pokemon), a do Garañón, e unha última na que comparte imputación coa alcaldesa, Lara Méndez, pola destitución da asesora xurídica do Concello de Lugo.

ÚLTIMAS

O BNG denuncia que a Xunta “siga marxinando” a Lugo, ao non reclamar un xulgado específico de violencia de xénero

O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, considerou como "unha nova marxinación" á cidade o anuncio...

O Concello de Rábade prepara un “reacollo estable” para os 13 membros da familia cuxa casa resultou calcinada

O Concello de Rábade ultima os trámites para poder ofrecer unha "reacollo estable" aos 13 membros,...

Arden dous edificios no centro de Rábade

Un incendio calcinou dous edificios de dúas plantas no centro do municipio de Rábade...

Identificados dous menores en Lugo por tirar pedras a coches aparcados

A Policía Local de Lugo identificou o pasado 25 de abril a dous menores que...