O encontro entre o Residencia e o Alianza, correspondente á novena xornada da División de Honra de veteranos da liga local, tivo que ser suspendido este sábado no campo de A Cheda, en Lugo, despois de que un xogador do conxunto visitante agredise o colexiado cunha puñada na cara.
O golpe foi propinado de fronte e alcanzou o árbitro na zona próxima ao ollo, provocándolle lesións que fixeron necesaria a súa atención médica. Os feitos producíronse durante o transcurso do partido, que nese momento rexistraba un empate a tres goles. Tras a agresión, o colexiado caeu ao chan e perdeu a consciencia, polo que foi atendido durante 45 minutos no propio campo antes de ser trasladado ao centro hospitalario Polusa. A Policía tamén acudiu ás instalacións deportivas para intervir tras o sucedido e iniciar unha investigación.
O árbitro permaneceu baixo observación médica e recibiu a alta hospitalaria durante a madrugada. Aínda que o seu estado de saúde xeral é bo e non presenta, segundo a información que chegou aos clubs implicados, complicacións de consideración, o golpe “afectoulle máis animicamente”, explica Julio Pacios, presidente do Residencia.
REACCIÓN DE REXEITAMENTO
O incidente xerou unha reacción de rexeitamento por parte dos dous clubs e da Federación Galega de Fútbol. Desde o Residencia consideran que o sucedido reviste unha especial gravidade e reclaman que se adopten medidas contundentes, ademais de indicar que lle corresponde á Federación tomar cartas no asunto.
Pola súa parte, o Alianza tamén expresou publicamente as súas desculpas ao colexiado, ao club rival, ao colectivo arbitral e ao conxunto da comunidade futbolística. O encontro quedou suspendido co marcador de 3-3 e á espera das decisións que poidan adoptar os organismos correspondentes.
