InicioLugo e contornaLugoO Concello de Lugo e as asociacións do Arde Lucus levarán a...

O Concello de Lugo e as asociacións do Arde Lucus levarán a recreación histórica da festa á feira INTUR de Valladolid

Por primeira vez, as entidades que fan posible esta festa de interese turístico internacional serán as protagonistas da súa promoción nesta feira de turismo interior de España, cunha expedición de 16 asociacións e 173 participantes. A iniciativa foi acordada e traballada conxuntamente nunha reunión celebrada o pasado 8 de setembro.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Concello de Lugo levará o Arde Lucus á 29ª edición de INTUR, a Feira Internacional de Turismo de Interior que se celebra en Valladolid, cunha programación especial para dar a coñecer fóra de Galicia esta festa declarada de Interese Turístico Internacional.

A participación nesta feira turística é froito do traballo conxunto entre o Concello e as asociacións que fan posible a celebración. Na reunión mantida o pasado 8 de setembro acordouse impulsar novas vías para levar o Arde Lucus fóra de Lugo, incluíndo a presenza en feiras como INTUR e a promoción conxunta con outras cidades que contan con festas de recreación histórica.

Unha expedición formada por 16 asociacións e 173 participantes viaxará a Valladolid o sábado 14 de novembro, con saída de Lugo prevista para as 11:30 horas, para desenvolver actividades durante a tarde-noite tanto no recinto feiral como no centro da cidade. Será a primeira vez que os integrantes destas entidades leven directamente a súa recreación histórica a esta cita, converténdose nos principais protagonistas da promoción.

Esta presenza permite presentar o Arde Lucus como un exemplo de aproveitamento turístico do patrimonio material e inmaterial, compartindo a historia e as tradicións de Lugo, dándolles visibilidade ante novos visitantes e establecendo relacións con outros destinos. A promoción exterior resulta fundamental para seguir dando proxección internacional á festa e manter o recoñecemento acadado, cumprindo coa normativa que regula esta distinción mediante accións de difusión continuada para chegar a novos públicos.

Así mesmo, a delegación lucense aproveitará a cita en INTUR para presentar a próxima edición do Arde Lucus, que se celebrará os días 17, 18, 19 e 20 de xuño de 2027, e convidar a visitantes e profesionais do sector a descubrir Lugo.

Programa en INTUR para o sábado 14 de novembro

A programación do sábado 14 de novembro arrancará ás 17:30 horas cun desfile de romanos e castrexos no recinto de INTUR. A comitiva partirá do espazo habilitado pola Xunta de Galicia na feira e percorrerá as instalacións para mostrar a recreación histórica ao público.

Ás 18:00 horas, nunha das prazas do recinto feiral, celebrarase unha demostración do tradicional ritual da queimada, a petición da propia organización de INTUR para incorporar esta expresión da cultura popular galega.

A continuación, os participantes trasladaranse ao centro de Valladolid para realizar un novo desfile entre a praza de Colón e a praza Maior. A xornada incluirá unha recepción institucional por parte do alcalde de Valladolid, unha recreación dunha batalla entre castrexos e romanos a cargo das entidades participantes, un conxuro arredor da queimada e un desfile final das tropas romanas e castrexas polas rúas do centro da cidade que concluirá na praza Maior.

Dende o Concello de Lugo destácase o papel e a implicación ao longo de todo o ano das 16 asociacións participantes, que serán as encargadas de levar en primeira persoa a Valladolid a historia, a recreación e o espírito da festa lucense.

+ posts

ÚLTIMAS

As XXXVII Xornadas Luis Asorey analizarán os potenciais terapéuticos dos recursos naturais

  O salón de actos do Pazo de San Marcos acollerá do 9 ao 19...

O Concello de Lugo reúne a comisión mixta sobre o saneamento da rúa Fermín Rivera

O goberno local quere coñecer en que punto se atopa o proxecto de saneamento...

A xuízo un home por agresión sexual á súa exparella cando esta decidiu deixar a relación

A Audiencia Provincial de Lugo xulgará o vindeiro xoves, día 12, a un home...

29N Francisco Conde encabeza a candidatura do PP lucense co obxectivo de traballar “pegados ao territorio”

O Partido Popular de Lugo presentou este venres aos homes e mulleres que integran...