A Audiencia Provincial de Lugo xulgará o vindeiro xoves, día 12, a un home acusado de agredir sexualmente á que fora a súa parella cando esta decidiu pór fin á relación.
Segundo o escrito de acusación fiscal, os feitos remóntanse a outubro de 2024, cando, tras unha relación dun mes e medio, a muller comunicou ao procesado que quería terminar a relación. El pediulle entón quedar para despedirse, aínda que ela deixoulle claro que en ningún caso quería manter relacións sexuais.
Ela pasou entón a recollelo e fóronse xuntos ao Monte Castelo, un lugar que adoitaban frecuentar, onde el a agrediu sexualmente.
O Ministerio Público considera os feitos constitutivos dun delito de agresión sexual e pide para el 14 anos de prisión –que serán conmutados por expulsión do territorio nacional– e unha indemnización de 10.000 euros para a vítima.
