InicioSociedadeA submisión química, circunstancia máis accidental que deliberada

A submisión química, circunstancia máis accidental que deliberada

Manuel López-Rivadulla, catedrático de Toxicoloxía Forense, pide precaución no tratamento dos casos vencellados á submisión química

PUBLICADA O

- Advertisement -

Foi o encargado da posta en marcha do Servizo de Toxicoloxía Forense, eido no que é considerado unha eminencia. Manuel López-Rivadulla, de amplísima experiencia en investigación científica e médico-legal, é contrario a espallar detalles acerca do uso de drogas con efecto sedante, coma a burundanga, que evoca na cultura popular o principio da submisión química para a comisión de delitos. Así as cousas, accede a clarificar aspectos de interese público acerca desta práctica.

“Non son partidario de airear este tipo de situacións”, comeza. Unha cousa son os foros científicos, e outra ben distinta avaliar as causas da submisión química en casos de asalto. “As vítimas teñen dereito a recibir información, pero os agresores poden obter información que antes non tiñan”.

Submisión activa fronte a submisión oportunista

A administración proactiva dunha substancia é unha práctica amplamente coñecida, e nada novo. Empregouse para roubar, para enganar á hora de asinar documentos, para sedar a nenos, ou anciáns que son considerados molestos en xeriátricos, incluso para obter vantaxe deportiva, sedando e incapacitando ao adversario. Con todo, adoita identificarse co uso dunha substancia para poder abusar sexualmente dunha persoa.

Hogano, a administración dunha substancia química para aproveitarse dunha muller contémplase como abuso, “aínda que persoalmente coido que debería ser considerada agresión”, di o catedrático. A submisión química pode darse de tres xeitos.

López-Rivadulla, catedrático de Toxicoloxía Forense | Efervesciencia
López-Rivadulla, catedrático de Toxicoloxía Forense | Efervesciencia

O primeiro é a submisión activa, a administración deliberada con fins criminais dunha substancia na bebida doutra persoa. É menos frecuente, asegura López-Rivadulla, que a denominada oportunista, na que a vítima consome substancias como alcol ou drogas recreativas ata quedar vulnerable, o que pode ser aproveitado polos agresores para roubar ou violar. O terceiro tipo sería mixto.

“Os síntomas dependen moito do tipo de substancia coa que convive”. Unha persoa que beba alcol pode entrar nun proceso de depresión do coñecemento, perdendo capacidade de resposta. Sedada, desinhibida, pode ter episodios de amnesia. Estes efectos poden incrementarse ao engadir outros depresores. “Hai persoas que ao principio excítanse co alcol e acaban sofrendo efectos de sedación,  e hai persoas moi vulnerables a este proceso de sedación”.

Protocolos de detección de substancias

Estes escenarios e a combinación de elementos acotío xeran discusións durante as vistas xudiciais, en especial sobre a submisión oportunista, casos “nos que a vítima ten todas as de perder”. Aliás, estas substancias non poden pasar desapercibidas nun laboratorio especializado.

Malia que os hospitais carecen de laboratorios axeitados, estes existen a nivel galego e contan con protocolos para estas situacións. Se a persoa non tarda en denunciar máis de doce ou vinte e catro horas, como aconteceu cos casos recentes en Lugo, tómanse mostras de sangue e urina que son enviadas ao Toxicolóxico de Madrid.

Pasadas máis de corenta e oito horas, e debido a que as substancias administradas deliberadamente adoitan ser doses moi pequenas e cun tempo de vida feble, é preciso outro tipo de proba. “Se circularon polo sangue, pasan ao cabelo, onde se pode facer unha análise ao cabo de cinco semanas na parte máis próxima á raíz”. López-Rivadulla é contundente: cos medios dispoñibles, é imposible que a substancia administrada non apareza nos resultados.

+ posts

ÚLTIMAS

Terra Nova abrirá o San Froilán cun DJ sinfónico e estreará a súa primeira ópera en 2027

A Xove Orquestra de Lugo Terra Nova afrontará a tempada 2026-2027 cun programa que...

Candia anuncia que duplicará as axudas para proxectos de entidades sociais

O Concello de Lugo incrementará de xeito significativo o seu apoio económico ás entidades...

Hospitalizados no HULA cinco nenos por chupar e tocar pílulas que podería ser éxtase

Cinco menores de sete anos tiveron que ser trasladados ao Hospital Universitario Lucus Augusti...

O PP reclama un plan de choque para “frear a sangría” de autónomos na provincia de Lugo

Os senadores do PP de Lugo defenderán este mércores no Senado unha iniciativa para...