InicioSociedadeA cidade de Lugo: de 150 casos por 100.000 habitantes a 436...

A cidade de Lugo: de 150 casos por 100.000 habitantes a 436 en menos de tres semanas

O Sergas ve "preocupante" a alta presión asistencial na área, froito do "exponencial" aumento de positivos. Monforte ou Palas de Rei comezan a diminuír os casos, pero a situación de Vilalba continúa grave

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) considera que a situación epidemiolóxica “segue a ser moi preocupante” no conxunto da área sanitaria de Lugo, pero fundamentalmente en determinados concellos como a propia capital, Monforte, Sarria, Palas de Rei e Quiroga. 

“Tivemos un crecemento moi grande de casos nos últimos quince ou vinte días e iso xa se traduce nunha elevada presión asistencial“, sinalou o xerente da área lucense, Ramón Ares, en declaracións aos medios. O foco está posto especialmente na evolución do concello de Lugo, onde nos últimos 14 días se diagnosticaron 428 casos activos. A incidencia acumulada sitúase así nos 436 casos por 100.000 habitantes. “Xusto despois das festas de Nadal, movíamonos nunha incidencia de 150. O crecemento na cidade foi exponencial. Preocúpanos pola repercusión nos hospitais“, engadiu Ares.

VILALBA NON MELLORA

En canto ao resto dos concellos, o xerente da área sanitaria citou Sarria ou Monforte de Lemos polo importante aumento dos últimos días, se ben “parece que xa se está ralentizando e parece que xa diminúen os casos”. Non así en Vilalba, que “a pesar de que levamos moito tempo con medidas, segue tendo unha incidencia moi alta e nos últimos días disparouse o número de casos”.

Outros municipios como Palas de Rei e Quiroga tamén están a ser especialmente vixiados polo volume de positivos, pero o propio tamaño do concello e as medidas de confinamento facilitan o control da cadea de transmisión. “Estamos vendo que as medidas son efectivas e que xa están diminuíndo os casos novos que aparecen nestes concellos”, indicou Ares.

En conclusión, o xerente admitiu a preocupación polo aumento xeneralizado nas últimas dúas semanas e polas consecuencias que iso poida ocasionar nos hospitais. “Nunca tivemos unha presión asistencial tan alta como agora, sobre todo no HULA e en Monforte. Na Mariña está a diminuír. É certo que a presión asistencial tamén se deriva do traslado de pacientes doutras áreas, pero aínda así preocúpanos a incidencia e pedimos con maior intensidade que todos sexamos responsables”, rematou.

VACINACIÓN

Por outra banda, Ramón Ares Rico tamén fixo declaracións no que respecta á campaña de vacinación, da que dixo que “segue desenvolvéndose con normalidade”. Explicou que mañá rematará a aplicación da segunda dose, polo que máis de 6.500 dos 7.000 residentes e traballadores dos xeriátricos xa estarían completamente vacinados.

Así mesmo, na primeira fase da vacinación quedaran pendentes algúns centros de maiores que tiñan gromos activos. É o caso da residencia de Xove e a da Pastoriza, onde o proceso está a comezar hoxe.

Ademais, o xerente da área lucense indicou que mañá, mércores 3 de febreiro, o Sergas comezará a subministrar a segunda dose ao persoal de primeira liña. “Isto vai ser tanto no Hospital da Mariña, coma en Monforte e no HULA, así como nas cabeceiras de Atención Primaria”, precisou. “Esperamos que o luns día 8 rematemos coa segunda dose, con máis de 3.500 sanitarios vacinados de forma completa“.

ÚLTIMAS

O PSOE de Lugo esixe a dimisión de Elena Candia tras o arquivo da “Operación Polbo”

O PSOE de Lugo reclamou este sábado “responsabilidades políticas” á vicepresidenta do Parlamento e...

Saída de vía en Pantón deixa catro persoas feridas

Un total de catro persoas resultaron feridas tras saírse da vía co seu vehículo...

O Arde Lucus celebrará o seu 25 aniversario do 18 ao 21 de xuño de 2026 cunha volta aos seus inicios

O Arde Lucus de Lugo celebrará o seu 25 aniversario do 18 ao 21 de xuño de...

Tanxugueiras, Xoel López, Lia Kali ou Guadi Galego, primeiros confirmados do cartel das festas do San Froilán

Tanxugueiras, Xoel López, Lia Kali, El Consorcio e, entre outros, Guadi Galego, únense ao...