InicioCulturaAs mulleres fan soar a música tradicional da Montaña

As mulleres fan soar a música tradicional da Montaña

Este sábado 24 celébrase a XIV Festa da Pandeira do Piornedo, que reunirá a tocadoras da comarca dos Ancares lucenses, leoneses e asturianos.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A aldea do Piornedo (Donís, Cervantes) tremerá, danzará e gozará este sábado 24 de agosto ao son da música tradicional. As mulleres tocadoras da comarca dos Ancares serán as protagonistas desta XIV edición da Festa da Pandeira, unha ocasión para celebrar as músicas da Montaña.

A de mañá é unha xornada para aprender das “mulleres que conservaron letras ancestrais e un xeito de interpretalas á pandeira que asombra a leigos e entendidos”. Así o expresan as organizadoras da Festa na páxina web, onde tamén concretan as novidades na programación deste ano. Obradoiros para aprender a tocar a pandeira dos Ancares —con Xermán Muiños— ou para achegarse aos bailes tradicionais da serra —da man de Luís Prego— son as propostas para a primeira parte do día.

A partir de aí, o protagonismo será para as mulleres, chegadas dende diferentes zonas dos Ancares lugueses, leoneses e asturianos. Así, han de facer desfrutar os asistentes con interpretacións de pezas que foron aprendendo, seguramente, en base á tradición oral. Os nomes propios das participantes serán o de María de Alonsico (Suárbol, León); Inés de Naipes (Donís, Cervantes); Aurelia da Fonte (Villaver, Cervantes); Dolores de Villariños (Balboa, León); Amparo Voces (La Chana, Borrenes, León); Lidia de José de Rexe (Suárbol, León); Valentina González (Lumeiras, León); Marilú del Corralín (Degaña, Asturies); Ana del Bao (Ibias, Asturies) e Oliva de Balouta e acompañantes.

Outros músicos e bailadores —tamén asociacións culturais ao completo— rematan por conformar a listaxe de convidados nesta edición. Para poñer o broche de ouro, haberá comida para picar e un tempo de actuacións libres.

HOMENAXE A UNHA TOCADORA

Nesta decimocuarta edición, homenaxearase a María de Alonsico, de Suárbol (Candín, León). “Como moitas mulleres da montaña, María aprendeu os toques de pandeira cando era rapaza, mais o matrimonio e a emigración fixeron que deixase de tocar. Aínda hoxe recorda as cantigas da mocidade, que ten interpretado en numerosas ocasións na Festa da Pandeira, na que vén participando dende o 2011″, explican as organizadoras.

 

Programa de actividades para a XIV Festa da Pandeira do Piornedo, en Cervantes.
+ posts

ÚLTIMAS

Terra Nova abrirá o San Froilán cun DJ sinfónico e estreará a súa primeira ópera en 2027

A Xove Orquestra de Lugo Terra Nova afrontará a tempada 2026-2027 cun programa que...

Candia anuncia que duplicará as axudas para proxectos de entidades sociais

O Concello de Lugo incrementará de xeito significativo o seu apoio económico ás entidades...

Hospitalizados no HULA cinco nenos por chupar e tocar pílulas que podería ser éxtase

Cinco menores de sete anos tiveron que ser trasladados ao Hospital Universitario Lucus Augusti...

O PP reclama un plan de choque para “frear a sangría” de autónomos na provincia de Lugo

Os senadores do PP de Lugo defenderán este mércores no Senado unha iniciativa para...