InicioCulturaA Festa da Pandeira, reivindicación da muller na música e no rural

A Festa da Pandeira, reivindicación da muller na música e no rural

Este 25 de agosto Piornedo alberga a Festa da Pandeira, que congregará a tocadoras e agrupacións tradicionais de Lugo, O Bierzo e Asturias

PUBLICADA O

- Advertisement -

Coma cada terceiro sábado de agosto, Piornedo congrega ás tocadoras das comarcas limítrofes, a músicos, cantadores e bailadores. A organización corresponde á Asociación Cultural O Teixeiro, que leva tres décadas preservando o folclore do lugar. A XIII Festa da Pandeira conta coa aportación de xente e establecementos da zona, algúns incluso do Courel ou de Ourense, coma é o caso do Reberete, artesán das pandeiras. Este apoio é fundamental para un colectivo conformado por pouquiña xente, e que polo de agora carece de relevo.

Son xente apañada, explica Isolina, que agradece o apoio da Xunta de Galicia e da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses. Ela acompaña ao xornal por este certame tan característico da parroquia de Donís, que despregará ritmos e bailes co acompañamento das cantigas interpretadas polas mulleres que transmitiron, de xeración en xeración, a tradición musical da terra de Cervantes. E iso é o que procura a Festa da Pandeira: que calquera poida iniciarse coma tocadora ou no baile ancarés.

É xa a XIII Edición da Festa da Pandeira. Como evolucionou este certame?

Nós non somos músicos, nin tiñamos esa sensibilidade antes. Pero hai vinte anos decatámonos de que se estaba perdendo a tradición musical, folclórica, que non había noutros lados. Iso é a pandeira e todo o que ten que ver con ela, os toques, as coplas. Ademáis é unha tradición feminina. E por algún motivo fora esquecida.

Cando eramos xoves, ninguén nos ensinou isto da pandeira, nin nos preocupamos. Daquela había que esquecer todo o de antes e irse ao moderno, aos bailes, ao radiocasete. Foi unha pena, porque truncouse a aprendizaxe que tiña que chegar a través dos nosos maiores. E moitos anos máis tarde, tivemos que recopilar todo iso.

Reivindicar a pandeira é reivindicar á muller na cultura de noso.

Iso paréceme fundamental. Ademais, que se perdera o folclore transmitido e mantido polas mulleres, que se considerara un xénero menor, non se lle deu valor. Cando había vodas e festas, viña o gaiteiro, e as pandeiras non tocaban nunca con el, con el tocaba o tamboriteiro.

Era a música de prestixio; e música a de todos os días, a que se escoitaba polas vilas, era a das mulleres, que tocaban e cantaban e ninguen as valoraba. E xa é hora no rural de valorar á muller e a carga que leva sobre os seus ombreiros.

Pallozas de Piornedo | Turismo de Galicia
Pallozas de Piornedo | Turismo de Galicia

Outro aspecto da Festa é que reúne a xente de comarcas limítrofes, unha comunidade que non ten fronteira con Asturias nin co Bierzo. Precisamente, este ano a homenaxeada é das Médulas.

E veñen moitas tocadoras do Bierzo. Coas Médulas hai máis distancia, aínda que no folclore, nas coplas, hai unha semellanza incrible. É tremendo que cando vas comprar un mapa dos Ancares, dependendo de onde o compres, sexa un mapa distinto, ou de Galicia ou de León. Hai que ter en conta que é a mesma xente, coas mesmas tradicións. E as estradas, por exemplo con Asturias, poñen moi difícil acceder, están mal asfaltadas.

Dalgún xeito, reivindicades ese vencellamento cultural, pero tamén social.

Antes eran as feiras as que facían ese papel, as que xuntaban á xente. Por iso temos tantas cousas semellantes; pero cando deixaron de ter importancia e a xente deixou de traer gando, todo quedou agochado. Non é que se perdera, somos a mesma xente, pero ninguén o pon en valor.

E hai que valorizar esta localización única, a aldea coas pallozas, cos camiños tradicionais, nun entorno natural coma é o Piornedo.

Dar a coñecer e sensibilizar sobre a necesidade de conservar Piornedo. As pallozas costa mantelas, e os veciños ou están fóra ou son maiores, e non poden soster isto por si mesmos. A administración ten que organizar e garantizar, con axuda dos veciños, que non caian as pallozas.

Como xorde a idea da homenaxe anual, unha das partes máis emotivas da Festa da Pandeira?

Primeiro fixemos reunións informais. Despois, durante as clases de Juanjo Fernández, saíu a idea del. E a partir deses encontros, comezamos a ver que hai que agradecer o esforzo a esa xente: a esa persoa de oitenta e pico de anos, que percorre cen quilómetros por pistas para poñerse a cantar diante dun montón de xente que está grabando; e que hai trinta anos que non toca a pandeira, ou que tocaba os sábados nos bailes e despois o deixou. Iso é ter un valor incrible, non o faría calquera.

Por iso merece a pena homenaxealas, coidalas. Para nós é un pracer que veñan e se xunten, facer a comida entre todos. É un día entrañable.

E que hai dos máis xoves? Hai relevo nas tocadoras?

Tampouco, non hai moito aquí en Piornedo. Pero, afortunadamente, moitísimos grupos están interesándose pola pandeira e introducen pezas con pandeira, bastante respectuosos coa tradición que recollen e os xeitos de tocar. Non se vai perder.

ÚLTIMAS

Un informe de Adega revela os datos reais de emisións e verteduras que Altri pretende ocultar

Un informe de Adega sinala que Altri oculta emisións no seu estudo de impacto ambiental e...

A Deputación presenta un plan invernal para estradas con 420 toneladas de sal e 112 traballadores

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este mércores en Pedrafita...

Chuvia, neve e temperaturas baixo cero na montaña de Lugo

Os termómetros volvéronse a esborrallar na madrugada deste martes ata valores negativos na maior parte...

Convenio entre Deputación e os 67 concellos da provincia para modernizar o padrón da man do INE

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes, no Pazo...