InicioCulturaO PP considera "unha provocación" a contratación de 'Def con Dos' para...

O PP considera “unha provocación” a contratación de ‘Def con Dos’ para o San Froilán

C's di que o bipartito amosa a súa "verdadeira cara" con esta decisión" e o BNG critica os populares por preocuparse máis por iso ca polas negacións do terrorismo machista que fan membros da ultradereita

PUBLICADA O

- Advertisement -

A contratación de Def con Dos para as festas do San Froilán non sentou ben a todos os grupos políticos, xa que o vocalista da formación foi condenado polo Supremo por facer apoloxía do terrorismo. Se o PP xa se apurou onte en censurar esta decisión, hoxe mesmo volveu incidir en que lles parece unha “provocación” para os lucenses e para as vítimas do terrorismo.

Así pois, o voceiro do PP municipal, Ramón Carballo, avanzou en roda de prensa que presentarán unha proposición a pleno para que o PSOE e Méndez se posicionen a favor ou en contra desta decisión. Pregúntanse se dende a alcaldía son “cómplices” ou se “se deixan someter á imposición” do seu socio de goberno. 

Do mesmo xeito,  Carballo tamén se mostrou desconforme ante a idea de subvencionar o transporte dende Madrid para vir ao concerto. Referíase á proposta que comunicou onte a edil responsable de Cultura, Maite Ferreiro (BNG), e que pretendía ofrecer unha posibilidade para aquelas persoas que se quedaron sen ver a Def con Dos en Madrid tras o veto que se impuxo ao grupo.

O plan dos nacionalistas vira arredor de facer de Lugo “un espazo para a liberdade de expresión”, pero a Carballo parécelle unha “tomadura de pelo” que se aferren a iso para xustificar unha contratación dun cantante condenado. Coidan que é unha “falta de respecto” cara aos cidadánse un intento por “politizar” unhas festas que “deberían ser de todos“. O voceiro do PP teme que esta sexa a tónica xeral de aquí en diante.

DESPREOCUPACIÓN POLAS NEGACIÓNS DO TERRORISMO MACHISTA

Pola súa parte, Maite Ferreiro defendeu a contratación e explicou que a sentenza que afecta a un dos integrantes do grupo produciuse por unha serie de chíos publicados en Twitter entre 2013 e 2014. Mentres que o PP os acusa de dar voz a unha persoa que enaltece o terrorismo, Ferreiro aféalles á súa vez a falta de preocupación polas “negacións do terrorismo machista” por parte da ultradereita coa que se relacionan. 

CIUDADANOS

Tampouco a formación laranxa perdeu ocasión de entrar no debate. A portavoz do grupo municipal de Ciudadanos, Olga Louzao, opina que o goberno bipartito de Lugo non tardou demasiado en “ensinar a súa verdadeira cara” ao anunciar a contratación do grupo ‘Def Con Dos’ para as patronais de San Froilán.

Desde o seu punto de vista, “o goberno local está no seu dereito de contratar a quen considere oportuno”, pero lamentou que a primeira decisión do BNG no goberno en materia de cultura fose para “politizar estas festas”. De feito, Olga Louzao quixo lembrar que o actual tenente de alcalde, o nacionalista Rubén Arroxo, negouse cando formaba parte da oposición municipal á contratación do grupo ‘Taburete‘, porque na banda toca “o fillo de Bárcenas”.

Segundo a portavoz de Ciudadanos, o BNG vén de saltarse “a comisión de festas” para formalizar a contratación deste grupo para as patronais. “Mal empezamos cando unha das súas primeiras decisións é impregnar de ideoloxía as grandes festas desta cidade”, resolveu.

+ posts

ÚLTIMAS

Fernández reclama a renovación da rede de abastecemento en Paradai

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, visitou esta semana o barrio de...

A Deputación licita por máis dun millón de euros o equipamento da residencia de Becerreá

  A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación do...

Candia fai chegar á subdelegada do Goberno prioridades en seguridade, mobilidade e infraestruturas

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo hoxe unha reunión institucional coa subdelegada do...

Case corenta detidos por roubo de 140 Km de cable de cobre en varias provincias, entre elas Lugo

A Garda Civil detivo a 39 persoas nas provincias de Ávila, La Rioja e...