Volve aumentar o ritmo dos contaxios de coronavirus na área sanitaria de Lugo, onde nas últimas 24 horas se confirmaron 65 novos positivos a través de PCR. Nos dous días anteriores, a cifra de novos casos mantíñase na trintena. Porén, minguou o número de hospitalizacións, así como o de persoas ingresadas nas Unidades de Coidados Intensivos.
De entre os 1.064 casos activos na provincia (65 menos ca onte), un total de 58 persoas precisan atención hospitalaria. Así, no Hospital Universitario Lucus Augusti atenden 35 pacientes en planta e só 3 na UCI (2 menos ca o mércores); no Hospital da b, 13 doentes (-2); e o de Monforte, 7 (+1).
No histórico da provincia, realizáronse 88.960 probas PCR, das cales 884 foron na última xornada.
Ademais, Sanidade informa de 108 falecidos relacionados coa pandemia na área de Lugo.
GALICIA
No caso galego, o Servizo Galego de Saúde notifica un novo aumento nos contaxios ao sumar outros 523 positivos. Logo de descontar as altas, alcánzanse os 9.554 casos activos (315 menos ca o día anterior). Deles, 514 persoas están a ser atendidas en unidades de hospitalización e outras 90 nas Unidades de Coidados Intensivos.
Por outra banda, Galicia rexistrou onte 15 falecidos por segundo día consecutivo, unha das maiores cifras na segunda onda da pandemia.