InicioPolíticaBesteiro acusa a PP e Vox de "ter présa" por esquecer os...

Besteiro acusa a PP e Vox de “ter présa” por esquecer os asasinatos franquistas e pide en Lugo “memoria, xustiza e dignidade”

Participa en Lugo nunha homenaxe ás vítimas da ditadura franquista, en Ou Lanuxe Cárcere, Lugar de Memoria Histórica

PUBLICADA O

- Advertisement -

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou este xoves en Lugo a memoria democrática como unha ferramenta de reparación e defensa dos dereitos e advertiu dos riscos dun posible retroceso se o Partido Popular e Vox chegan ao Goberno.

“A memoria democrática é algo que sana, que cura, non algo que divide, como cren eles”, afirmou durante o acto de homenaxe e lembranza ás vítimas da ditadura franquista “Lugo, Memoria, Xustiza e Dignidade”, celebrado na praza Nemesio Cabreros, ao carón de O Vello Cárcere, a antiga prisión de Lugo reconvertida en Casa da Cultura e distinguida como Lugar de Memoria Histórica. No acto estivo acompañado polos candidatos do PSOE ás eleccións xerais Patricia Otero, Jorge Bustos e César Mogo.

Durante a homenaxe, as persoas asistentes depositaron un ramo con trece rosas vermellas en lembranza das trece mulleres fusiladas en Madrid en 1939 no interior do edificio, ao remate dun acto no que Besteiro lembrou especialmente a Julia Conesa, unha delas, e as súas palabras: “Que no se borre de la historia mi nombre”.

O dirixente socialista criticou que, 51 anos despois, partidos como o PP e Vox manteñan, ao seu xuízo, “unha présa totalmente tola por esquecer o pasado”. Neste sentido, advertiu de que ambas as formacións ameazan con derrogar a Lei de Memoria Democrática se chegan ao Goberno, concretamente “no primeiro Consello de Ministros”.

Fronte a esta posición, Besteiro defendeu a importancia de manter e difundir os espazos de memoria democrática, como O Vello Cárcere, para informar, lembrar e reparar as vítimas e as súas familias. “Esa memoria absolutamente reparadora, que sana, non só os que estiveron aquí, os seus familiares e descendentes, senón que marca unha forma de entender a política”, sinalou.

O secretario xeral do PSdeG insistiu tamén en que o recordo das vítimas debe servir para avanzar “sen rancor, sen ningún tipo de división”, pero coa convicción de que o ocorrido durante a ditadura “non debe volver acontecer”. Por iso, asegurou que os socialistas están dispostos a loitar “por terra, mar e aire para evitar calquera retroceso democrático”.

Besteiro vinculou tamén a defensa da memoria histórica coas eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro, que cualificou de históricas e decisivas. “A democracia nunca vai ser derrogada, pero hai que loitar por ela”, afirmou, antes de facer un chamamento á participación masiva nas urnas. “O que nos xogamos o 29 de novembro tamén é iso: seguir avanzando nos dereitos ou retroceder e recortalos“, advertiu, amosando a súa confianza nunha nova vitoria do PSOE: “Estou convencido e seguro de que imos seguir gobernando, porque o Partido Socialista vai gañar as eleccións”, dixo.

RECOÑECEMENTO DE MIGUEL FERNÁNDEZ E JORGE BUSTOS

O candidato socialista á Alcaldía de Lugo e exalcalde, Miguel Fernández, explicou que a escolla da contorna de O Vello Cárcere para celebrar o acto non foi casual, senón que responde ao simbolismo que representa este edificio. Fernández repasou o camiño percorrido desde a recuperación dun inmoble “emblemático e de alto valor histórico-artístico” ata a súa transformación de “un lugar de odio, rancor e represión nun espazo aberto de cultura, democracia e liberdade”.

Tamén lembrou o expediente iniciado co Goberno do Estado para convertelo nun dos grandes lugares de memoria democrática de Galicia durante a xestión socialista da cidade. “É un espazo para lembrar os represaliados, a todos aqueles que deron mesmo a súa vida polas liberdades, polos seus ideais e moitas veces só por pensar diferente”, subliñou.

Pola súa banda, Jorge Bustos, concelleiro en Lugo e número dous da candidatura socialista ao Congreso pola provincia, tamén quixo intervir ante o que cualificou como “os muros que representan a historia viva da nosa cidade”. Sobre o arquitecto Nemesio Cobreros, que proxectou o edificio en 1878, sinalou que “nunca imaxinou que o seu cárcere acabaría sendo un lugar de represión política para milleiros de persoas ás que se lles negou a súa liberdade dentro destas catro paredes”.

Bustos dirixiuse tamén ás vítimas daquela represión para lembrarlles que, “na actualidade, grazas á rehabilitación impulsada por un Goberno socialista, O Vello Cárcere é un lugar de liberdade de expresión, un lugar de arte, de cultura, un lugar para que todos e todas se sintan representados”.

Para o candidato socialista, o recoñecemento de O Vello Cárcere como lugar de memoria democrática “é un acto de xustiza para que ninguén borre o que aquí ocorreu. Non é un simple acto administrativo”. Bustos concluíu cunha reflexión que resume o sentido da homenaxe: “Sempre se di que o pobo que coñece a súa historia pode ser un pobo moitísimo máis libre”.

+ posts

ÚLTIMAS

A Deputación de Lugo renova a xestión de tres espazos turísticos e destina preto de 400.000 euros a estradas

A Deputación de Lugo deu luz verde á adxudicación da xestión de tres instalacións...

A Xunta dá o ‘ok’ ambiental á ampliación dunha granxa avícola en Friol ata case 77.000 pitos

A Xunta deu o visto e prace ambiental á ampliación dunha explotación avícola, ata...

Case nove de cada dez euros para concellos do PSOE e BNG: a denuncia do PP contra a Deputación de Lugo

O reparto dos fondos da Deputación de Lugo a través de convenios cos concellos...

Tomé, convocado por “erro” á xunta de portavoces provincial para asinar a declaración contra a violencia de xénero

A sinatura da declaración institucional con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da...