O reparto dos fondos da Deputación de Lugo a través de convenios cos concellos volveu enfrontar o Partido Popular e o Goberno provincial. Os populares acusaron o PSOE e o BNG de empregar estes acordos para “favorecer os concellos nos que gobernan” e, en consecuencia, “discriminar” os municipios doutros signos, “principalmente do PP”. Pola súa parte, tras as acusacións feitas polo PP este xoves, a Presidencia da institución provincial negou que actúe con “sectarismo” e asegurou que atende peticións “de todas as cores políticas, tamén do PP”, ao tempo que reivindicou o Plan Deputación. O voceiro provincial do PP, Antonio Ameijide, compareceu esta mañá para analizar os convenios aprobados pola xunta de goberno provincial no que vai de 2026. Segundo os datos presentados polos populares, estes acordos suman 9.728.457,65 euros, repartidos en 62 convenios, dos que 59 corresponden a municipios gobernados polo PSOE, o BNG e independentes.
En concreto, o PP asegura que 8.041.542,04 euros foron destinados a concellos socialistas e outros 643.097,31 euros a municipios gobernados polo BNG. En conxunto, ambas as formacións concentran 8.684.639,35 euros, o 89,3 % do total, sempre segundo os populares. Pola súa parte, os concellos gobernados polo PP recibiron 348.068,68 euros, “nin o 3 % do total”. Ameijide considera que estas cifras “desmóntan por completo o discurso de igualdade e solidariedade territorial que defenden Carmela López [presidenta da Deputación] e Efrén Castro [vicepresidente]”. O voceiro popular sostén que os convenios se están a empregar para beneficiar os municipios gobernados polos partidos que forman o Executivo provincial, mentres que as peticións dos alcaldes do PP quedan sen atender.
EXEMPLOS EN BURELA, LUGO E MONFORTE
Os populares tamén cuestionan que o primeiro compromiso económico anunciado para 2027 sexa un convenio de 273.600,76 euros co Concello de Burela, do que Carmela López é alcaldesa. Ameijide considera “unha actitude egoísta” que a presidenta aprobase esta colaboración “mesmo antes de presentar os orzamentos do próximo exercicio”. Outro dos exemplos sinalados polo PP é o financiamento das festas de San Froilán de Lugo. Segundo os seus datos, a achega provincial pasou de 370.000 euros en 2025, cando o Concello estaba gobernado polo PSOE e o BNG, a 50.000 euros en 2026, co PP á fronte do goberno municipal. Os populares cualifican a redución de “discriminatoria” e lembran que se trata dunha celebración de toda a cidade.
Tamén poñen o foco en Monforte de Lemos, que recibiu un convenio de 1,8 millóns de euros aprobado o 3 de xullo de 2026 para financiar actuacións urbanas e rurais destinadas a mellorar as comunicacións. Segundo Ameijide, estes fondos, que considera “récord”, destinaronse en realidade a financiar as obras da nova ponte do Malecón. O PP contrapón esta política de convenios ao Plan Deputación, cuxa dotación considera “insuficiente”. En 2026, este instrumento contou con 22,25 millóns de euros, unha contía que os populares cren que debería incrementarse noutros dez millóns para garantir un reparto máis igualitario entre os 67 concellos.
Ademais, Ameijide critica que algúns convenios se estean a empregar para financiar gastos ordinarios dos concellos, como facturas de electricidade, telefonía, combustible, seguros, mantemento ou material de traballo. Segundo denuncia, municipios como Meira, Pol, Ourol e Antas de Ulla recorren a estes acordos para cubrir gastos correntes que deberían estar previstos nos seus orzamentos. Do mesmo xeito, os populares reprocharon a Carmela López que, malia as reunións con alcaldes, a colaboración cos concellos “non se ve por ningures”: “Parece ter oído selectivo porque só escoita algunhas persoas, para as que hai cheques en branco, mentres que as peticións do resto acaban no lixo”.
A DEPUTACIÓN PROCURA UN “REEQUILIBRIO TERRITORIAL”
Pola súa banda, a través dun comunicado posterior, a Presidencia da Deputación de Lugo defendeu que a sinatura de convenios cos concellos responde á vontade de conseguir o “reequilibrio territorial” dos 67 municipios da provincia, “dado que a moitos deles non chegan investimentos da Xunta”, segundo o goberno provincial. A presidenta, Carmela López, volveu instar o Goberno autonómico e o PP a pactar un modelo de financiamento municipal baseado en “criterios obxectivos, públicos, fixos e estábeis”, tomando como referencia o funcionamento do Plan Deputación, principal instrumento de cooperación económica da institución provincial cos concellos.
Este programa, impulsado en 2016, experimentará en 2027 un incremento de 2,75 millóns de euros, ata acadar os 25 millóns. A suba, moi superior ao aumento habitual de 250.000 euros, beneficiará 63 dos 67 concellos, xa que os catro restantes xa reciben a contía máxima establecida. A Deputación destaca que o Plan Deputación representa o 14,5 % do seu orzamento, que en 2027 ascenderá a 155,2 millóns de euros. Como comparación, sinala que o orzamento da Xunta acadará os 15.158 millóns e que o fondo de cooperación destinado aos 313 municipios galegos será de 203 millóns, o que representa o 1,34 % das contas autonómicas.
O reparto do Plan Deputación realízase atendendo a diferentes criterios: a poboación representa o 40 %; as entidades singulares de poboación, o 25 %; a superficie municipal, o 20 %, e o índice de avellentamento, o 15 %. Ademais, mantense unha achega mínima de 150.000 euros por concello e en 2027 os anticipos poderán acadar o 80 %, fronte ao 50 % actual. Outra das características que destaca o goberno provincial é que os propios concellos poden decidir en que actuacións invisten os fondos recibidos.
A DEPUTACIÓN NEGA “SECTARISMO”
Ante as críticas, a institución provincial rexeita que actúe con “sectarismo” e sostén que se están atendendo peticións “de todas as cores políticas, tamén do PP”. Pon como exemplo diferentes actuacións realizadas con concellos gobernados polos populares. Entre elas, citan a cesión da Casona de O Incio, acompañada dunha achega económica de 250.000 euros; a cesión dun terreo ao Concello de Pantón na contorna do embarcadoiro de Maiorga e os treitos de estradas que se transferirán aos municipios de Cospeito e Palas de Rei, a petición dos seus respectivos alcaldes. A Presidencia incide en que o obxectivo da súa política municipal é atender as necesidades dos distintos territorios e avanzar cara a un “reparto equilibrado dos recursos”.
