O Goberno galego deu luz verde este luns ao expediente de gasto da modificación das obras de remodelación da residencia de maiores das Gándaras, en Lugo, co obxectivo de “avanzar nunhas obras que buscan facer este centro máis humano, máis accesible e máis seguro”.
A actuación contará cun importe adicional de 1,1 millóns de euros, que se suma a un orzamento global de máis de 9 millóns de euros, e responde, segundo a Xunta, ás necesidades actuais das persoas residentes e do persoal dun centro que, lembra, continúa en funcionamento. O obxectivo é que, sen interromper a actividade residencial, cada usuario poida manter un espazo íntimo nas habitacións e dispoña, ao mesmo tempo, de zonas comúns nas que convivir e relacionarse cos demais residentes.
MÁIS HABITACIÓNS INDIVIDUAIS E ESPAZOS PARA A CONVIVENCIA
Entre as principais melloras previstas, a Xunta destaca o aumento do número de habitacións individuais e a incorporación de solucións que permitan preservar a intimidade nas habitacións compartidas, de maneira que máis residentes poidan dispoñer dun espazo propio. Estas actuacións combinaranse coa habilitación dun cuarto de estar compartido en cada planta, destinado a “favorecer a convivencia, a interacción e a vida comunitaria dos usuarios”.
MELLORAS NA SEGURIDADE, ACCESIBILIDADE E ILLAMENTO TÉRMICO
A remodelación tamén contempla a ampliación das zonas de paso e evacuación, así como a reconstrución das escaleiras de emerxencia, unhas intervencións coas que se pretende “incrementar a seguridade” das persoas residentes e do persoal do centro. Estas melloras complementaranse co illamento térmico da fachada e das cubertas, así como coa substitución das carpintarías exteriores por outras de aluminio, actuacións destinadas a mellorar as condicións das instalacións.
