A perda de dereitos laborais, o descenso dos salarios e as presións para acadar obxectivos comerciais cada vez máis difíciles de cumprir centraron este venres unha nova xornada de protestas da CIG-Banca en Lugo. O sindicato denuncia a situación que atravesan as persoas traballadoras das entidades financeiras, sometidas, segundo sinala, a unhas condicións laborais cada vez máis precarias. A mobilización chegou á cidade amurallada despois das concentracións celebradas na Coruña, Vigo e Ourense. A protesta comezou ás 10:30 horas fronte a unha oficina de CaixaBank situada na avenida da Coruña, número 172, e continuou cun percorrido por distintas sucursais bancarias ata rematar, arredor das 13:00 horas, diante da sede de Abanca na Praza de Santo Domingo.
Durante o traxecto, os representantes sindicais tamén se concentraron diante de oficinas do Banco Santander, BBVA, Banco Sabadell, Bankinter, Unicaja e Cajamar. Un dos principais motivos das reivindicacións é a perda de poder adquisitivo acumulada polas persoas traballadoras dos bancos e das antigas caixas de aforros. Segundo os cálculos da CIG-Banca, os salarios perderon un 25% do seu valor nos últimos anos debido á ausencia de mecanismos de actualización vinculados ao IPC nos convenios colectivos. A organización sindical responsabiliza desta situación a CCOO e UGT, ás que reprocha teren asinado os actuais acordos laborais sen incorporar unha cláusula de revisión salarial anual, tanto no ámbito do aforro como no da banca. O sindicato advirte de que, co IPC situado no 5,3%, o persoal volverá asumir unha nova perda económica ao non dispor de compensacións por esa suba dos prezos.
A esta situación súmase, segundo a central, o mantemento duns complementos por desprazamento que non se actualizaron malia o encarecemento dos combustibles. Esta circunstancia fai que algunhas persoas traballadoras teñan que asumir cos seus propios recursos parte dos gastos derivados de acudir ao seu posto de traballo. Desde a CIG consideran que este escenario non responde simplemente a unha negociación pouco favorable, senón a unha nova renuncia sindical fronte a unhas entidades que continúan a rexistrar importantes beneficios económicos mentres reducen cadros de persoal, pechan oficinas e limitan os servizos que prestan á súa clientela.
PRESIÓNS COMERCIAIS
A central sindical tamén fai fincapé na presión que soportan diariamente os empregados para cumprir uns obxectivos de vendas que considera desproporcionados, cualificados de “auténtico acoso”. Denuncia que os cadros de persoal reciben instrucións constantes para comercializar produtos financeiros que, en moitas ocasións, non responden ás necesidades da clientela. A CIG-Banca describe o funcionamento das entidades como unha cultura empresarial baseada na esixencia permanente de vender, con campañas comerciais continuas e escasa marxe para que as persoas traballadoras poidan valorar axeitadamente os produtos que ofrecen ou a súa conveniencia para cada usuario.
Segundo advirte, quen non acada os resultados esixidos enfróntase a diferentes formas de presión, entre elas ameazas de despedimento, cambios de destino e maiores esixencias por parte dos seus superiores. O sindicato engade que esta situación se ve agravada por unhas xornadas laborais que, baixo o argumento da flexibilidade, rematan por alongarse durante horas. Os obxectivos medran de maneira constante e as cargas de traballo resultan, segundo denuncia, imposibles de completar dentro do horario legal. Ademais, asegura que as horas extraordinarias realizadas non se pagan, non se cotizan e tampouco quedan debidamente rexistradas.
A organización alerta das consecuencias que este modelo ten sobre a saúde física e psicolóxica das persoas traballadoras. Neste sentido, sinala que o consumo de ansiolíticos e antidepresivos se converteu nunha realidade habitual dentro do sector financeiro. “Esta é a violencia laboral coa que nos atopamos día a día cando imos traballar”, denuncia a CIG-Banca, que advirte de que moitos empregados acoden aos seus postos de traballo en condicións de saúde deterioradas por un contorno laboral que, segundo sostén, remata provocando enfermidades.
