InicioEconomíaCorredor Atlántico: O Bierzo e Lugo recuperan o estatus estratéxico

Corredor Atlántico: O Bierzo e Lugo recuperan o estatus estratéxico

Vía Monforte, a provincia de Lugo e a comarca do Bierzo conforman o eixo do rectificado Corredor Atlántico para o ferrocarril de mercadorías

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Ministerio de Fomento e o administrador ferroviario estatal Adif presentaron este mércores o plan director do Corredor Atlántico. A planificación do Goberno repara un modelo de infraestruturas desigual, irracional e inxusto co sector noroeste, e en particular coa comarca do Bierzo a provincia de Lugo, que dende a romanización constituíron un nexo fundamental.

Consta no plan director a recepción de 370 millóns de euros das arcas estatais durante 2019 para a mellora do ferrocarril de mercadorías no noroeste. Malia os desmentidos do pasado, confírmase que Ponferrada e Monforte de Lemos estarán presentes, e malia percibir un investimento modesto dentro do total previsto, estas poboacións artellarán todo o sistema do Corredor Atlántico, recuperando a importancia estratéxica que mantiveron historicamente.

Anunciou o ministro de Fomento, Jose Luis Ábalos, un gasto conxunto de 2.820 millóns de euros no exercicio vixente. É a primeira fase da modernización, que equiparará a calidade da infraestrutura coa rede básica europea e completará as conexións con Portugal, un magno obxectivo que comprometerá 41.000 millóns de euros, dos cales o sesenta por cento está executado. E dos case 17.000 millóns pendentes, o noroeste contará con 3.500: un terzo para renovacións, e o restante para nova obra.

Calcula Fomento que para 2025 o corredor de mercadorías aceptará convois de ata 750 metros, e para 2030, de ancho convencional. Para iso, cómpre adaptar 420 quilómetros a liña Vigo-León, a través de Monforte de Lemos, que será intermodal e HUB para as empresas ferroviarias: o ferrocarril terá superestruturas renovadas, estacións racionalizadas, vías ampliadas e instalacións de seguridade e comunicación modernizadas.

A conexión Lugo-Ferrol non é prioritaria, mais terá actuacións complementarias nos 275 quilómetros de liña para igualar o mínimo indispensable, con aumento de velocidade e implantación do sistema ERTMS. O diésel sería historia, con Galicia como a primeira comunidade con todas as vías electrificadas a 25 kV.

Este esquema posibilitaría o transporte eficiente por ferrocarril do cemento producido no Bierzo, a siderurxia asturiana, os contedores e a madeira procedentes de Galicia, e as industrias automobilísticas de Vigo, Valladolid e Palencia, entre outras mercadorías capitais. Só no 2018, os portos do noroeste moveron 62 millóns de toneladas. 

Completar o Corredor Atlántico, un ferrocarril de mercadorías conectado a Europa sen barreiras técnicas, resituaría e reconectaría Lugo e O Bierzo. Proba a cultura compartida que os dous lados dos Ancares tiveron durante os séculos unha ligazón vital. Tal interdependencia social e económica pode observarse nos problemas que comparten na actualidade, entre eles, un tren obsoleto e que, en palabras do ministro do ramo, corre risco de quedar abandonado.

Tren Lugo-Madrid en menos de catro horas para 2020, un prazo realista?

+ posts

ÚLTIMAS

Alberto Caldeiro di non ser “a persoa indicada” para entrar na corporación de Lugo

O número 12 da candidatura de PSOE de Lugo, Alberto Caldeiro, evitou descartarse este...

O PP de Pol apunta que o goberno local está “esgotado” e denuncia ameazas á voceira ‘popular’

A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, subliña que “o goberno de Lino...

Comezan as obras na estrada provincial que une Castro de Rei con Rábade

A Deputación de Lugo iniciou as obras de mellora da estrada que une Castro...

As cámaras da M-30 amosan aos acusados da morte do médico lucense “coma se fosen coches de Fórmula 1”

As imaxes das cámaras de seguridade da M-30 gravadas a mañá do 25 de...