InicioCulturaEste sábado comezan as Xornadas Interxeracionais de Xermade

Este sábado comezan as Xornadas Interxeracionais de Xermade

As xornadas, que inclúen experiencias innovadoras no sector agrogandeiro, obradoiros con expertos e xogos tradicionais, celebraranse na parroquia de Cabreirós os días 26 de maio e o 1, 2 e 9 de xuño

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, o Alcalde de Xermade, Roberto García, e o Presidente da Asociación de Veciños de Cabreiros, José Manuel Felpeto Carballeira, presentaron este mércores no Pazo de San Marcos, a XIV edición das Xornadas Interxeracionais Rurais – Aprendendo cos nosos maiores, que se celebran na Escola da Asociación de Veciños de Cabreiros (Xermade) os días 26 de maio,  1, 2 e 9 de xuño, e coas que colabora o Goberno da Deputación.

Santos Ramos avanzou o amplo programa desta cita “na que haberá charlas sobre á actividade agraria como recurso para a prevención do lume, xogos tradicionais, ademais de quenda da saúde con expertos sobre enfermidades mentais e un obradoiro práctico de primeiros auxilios, radioteatro, e por suposto os torneiros con demostracións prácticas da utilización deste maquinaria”.

O Deputado remarcou o profundo compromiso do Goberno de Xermade «por impulsar e poñer en valor o noso ben máis ben prezado, a nosa historia e a nosa memoria, e faino do mellor xeito posible, contando cos maiores da vila. Ademais, este ano xa celebrades a edición número 14, polo tanto estamos diante dun evento xa consolidado, e que xa é referencia en toda a provincia», sinalou.

Santos Ramos explicou que «esta cita en Xermade contribúe a analizar dende unha óptica diferente o noso medio rural. Esta programación, que hoxe presentamos, afecta á nosa vida cotiá, pero faino dende un enfoque sensible e máis eficiente. Por iso, dende a Deputación valoramos positivamente que se organicen estas charlas para seguir medrando todos en conxunto entre xeracións, enriquecéndonos uns cos outros».

O Alcalde sinalou que para un Concello como o de Xermade «é un luxo ter estas actividades na vila, que ademais teñen un gran éxito de público, e contribúen a revitalizar o Concello e facer un rural dinámico e cheo de vida, que é o que queremos». Ademais convidou a todos a participar nesta experiencia e aproveitar esta visita para desfrutar da paisaxe e da gastronomía de Xermade.

O Presidente da Asociación de Veciños de Cabreiros agradeceu a implicación da Deputación e o Concello neste proxecto, que xa celebra 14 edicións, ademais da USC, de Nova Escola Galega e o Colexio de Educadores e Educadoras sociais de Galicia.

Programación

O día 26 de maio, adicarase á actividade agraria como recurso para a prevención do lume, co obxectivo por un lado de coñecer as posibilidades do monte e como xestionalo para a prevención do lume e por outro, complementando a actividade da mañá, presentando Experiencias innovadoras e emprendedoras que facilitan a prevención. Contaran con dúas empresas de animais e dúas froiteiras.

O día 1 de xuño a xornada terá lugar no CEIP de Xermade, que colabora coas Xornadas nos xogos populares e tradicionais. Dende a organización non queren esquecer a importancia do xogo na vida, a riqueza do xogos populares e a súa visibilización entre a poboación máis nova.

O día 2 de xuño será a quenda da saúde, onde Sonia Gómez, Psquiatra, falará dos Estigmas sociais das enfermidades mentais; e Fernando Prieto, veciño de Xermade, contará a súa visión e experiencia. Rematarán cun Obradoiro práctico de primeiros auxilios impartido por Mª Jesús Castro Abella, doutora no PAC de Villalba e Manuel Cabarcos Calvo, Técnico de Emerxencias Sanitarias. A quenda de tarde estará adicada ao Laboratorio de Radio, dirixido por Lucía Abarrategui e Sergio Pascual. Por unha banda, os asistentes coñecerán a experiencia de Brais Couto Carbia, alumno de Educación Social da Universidade de Santiago de Compostela que estivo durante un mes realizando as súas prácticas no concello de Xermade e convivindo cunha familia de Miraz. E a última parte estará protagonizada por unha serie de veciños de Xermade que protagonizarán o Radioteatro, a ficción sonora da obra de teatro O ladrón das letras grandes.

O día 9 de xuño rematarán as Xornadas coa entrega de distincións aos traballos máis destacados no IV Premio de Investigación Xermade na historia e facendo a convocatoria do V Premio. Finalizada a mañá haberá unha charla Entre tornos e torneiros, onde María Martín Seijo presentará un traballo sobre Arqueoloxía da madeira dende a Idade de Ferro ata a Idade Media, e despois falará Vicente Ledo, torneiro e cocreador do Encontro Internacional de Torneiros de Xermade. Pola tarde, falarase do  e haberá demostracións prácticas da utilización do torno. Contaremos coa colaboración da Asociación Amigos da Madeira de As Pontes e de Lolo de Severiano, mestre artesán ao que describen os expertos coma ‘o torneiro que fala coas mans’.

ÚLTIMAS

Ainhoa Arteta inaugura coa súa potente voz e ante un cheo total o novo Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo

Tras oito anos de espera, este venres abriu as súas portas o novo auditorio...

O luns abre o prazo para apuntarse nas actividades da Reserva Terras do Miño

A Deputación de Lugo abrirá o vindeiro luns o prazo para inscribirse nas novas actividades ambientais...

Denuncian un home en Lugo por levar un martelo-machete de cociña e un coitelo na vía pública

Axentes da Policía Local de Lugo identificaron e denunciaron a un home que portaba...