InicioSociedadeA comparsa de Entroido máis familiar de Vilalba

A comparsa de Entroido máis familiar de Vilalba

Unhas clases de preparación para o parto foi o lugar onde varias nais deron a luz, paradoxicamente, a este grupo de disfraces. Xa van case dez anos de aventuras entroideiras, moitos traxes e moitísima diversión. Para elas e eles, iso é máis importante ca o diñeiro que conseguen nos concursos: "Cando gañamos, investimos eses cartos en facer actividades para os nosos fillos".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Aínda faltan un par de semanas para que dea comezo o Entroido deste 2020, pero hai quen xa deixa traballado varios meses para estar máis que preparado. É o caso dunha comparsa vilalbesa que está a piques de cumprir os dez Entroidos. Premios, familiaridade e moita diversión son, quizais, as palabras que resumen a súa andanza.

O nacemento de varias crianzas nun período de tempo concreto deu pé tamén ao nacemento desta comparsa de Entroido. “As que comezamos con isto fomos varias mamás que coincidiamos nas clases de preparación para o parto. Daquela decidimos disfrazarnos cos nosos nenos, todos da mesma xeración”, explica Yolanda Purriños, unha das integrantes desta comparsa tan “familiar”. “Agora tamén hai papás e algunha avoa. Ao principio incluso se disfrazaba con nós a matrona. Era unha máis!”

“Algúns pais eran mergulladores que levaban canda si o peixe-bebé que viñan de pescar”

A ORIXINALIDADE É A PROTAGONISTA

Esa mestura de idades é un valor engadido á hora de deseñar os disfraces. “Un ano vestímonos de Mary Poppins e de desenfeluxadores. Aínda había bebés nas súas tronas, así que puxémoslles rodas e utilizamos iso para facer as chemineas. Estaban moi simpáticos”, lembra Yolanda. Noutra ocasión, tentaron recrear o fondo mariño: uns ían de polbos, outros de sereas, cabalos de mar… Algúns pais finxían ser mergulladores que levaban canda si o peixe-bebé que viñan de pescar. “O dese ano foi chulísimo”, relata Yolanda con agarimo.

Así e todo, o disfrace “máis comentado e soado” foi o que argallaron hai algúns anos, cando confeccionaron o seu particular desfile de moda de Agatha Ruiz de la Prada. O nome da deseñadora sufriu daquela un pequeno troco en favor da comarca: ‘A Gata Ruiz de la Chaira’ conquistou a todo o mundo. Segundo Yolanda Purriños, a comparsa vai mudando de nome en función dos disfraces que fabriquen cada ano, pero sempre procuran que conteña algunha referencia á Chaira.

Non é doado renovarse, pero as 54 persoas que conforman esta comparsa “deixan voar a imaxinación” na buscan da orixinalidade. “Cando acaba un Entroido, hai nenos que xa están pensando de que disfrazarse o ano seguinte”, conta. E é que detrás dun desfile de disfraces agóchase un traballo que, en moitas ocasións, require meses de compromiso. No seu caso, adoitan comezar polo outono, pero o esforzo intensifícase despois do Nadal.

UNHA ESCUSA PARA SE XUNTAR E DESFRUTAR

“Sempre propoñemos varios temas. Xuntámonos para facer unha cea e realizamos unha votación”. A partir de aí, organízanse vía WhatsApp para ir elaborando os traxes. Máis adiante, cando xa se achegan as datas, quedan en persoa para preparar o espectáculo que logo ofrecen en cada certame ao que van. “Sempre imos aos de Vilalba, Abadín e Begonte. Eses son fixos. Despois imos mirando que máis concursos nos coinciden ben para apuntarnos”, explica Yolanda.

“Cando gañamos, investimos os cartos en facer actividades para os nenos”

Agardan ese día con ansia e, sobre todo, coa esperanza de que non faga mal tempo. “Moitas veces chove e é unha mágoa, porque o divertido é pasalo ben toda a tarde, sen ter que estar resgardados da auga”. Malia iso, é raro que non acaben satisfeitos. Son moi dados a conseguir varios premios, pero para elas e eles o importante é desfrutar todas xuntas. “A vida é curta e hai que aproveitala!”, insiste varias veces Yolanda Purriños.

Por iso, o diñeiro que gañan nos certames non vai destinado a sufragar os custos dos disfraces, senón que o utilizan para programar actividades pola súa conta e “pasalo moi ben”. “Cando gañamos, investimos os cartos nos nenos: facemos excursións, organizamos unha merenda e unha tarde de xogos…” Noutras ocasións, aproveitaron para colaborar economicamente con fins solidarios (para a asociación Somos Unidos contra o Cáncer ou para un neno cunha enfermidade rara).

Se delas dependese, o Entroido había estar moi vivo ano tras ano. “Aquí en Vilalba hai bastante implicación. Hai moitas comparsas e, aínda que normalmente non é festivo local, os negocios pechan pola tarde para que a xente vaia ver o desfile”, comenta Yolanda. “É todo diversión, creatividade, moita xente ao redor… Así que eu animo a que toda as persoas participen no Entroido da súa zona, sexa no lugar que sexa”.

ÚLTIMAS

Morre nun parque de Lugo un home de 37 anos tras ser atopado semiiconsciente

Un home de 37 anos faleceu o sábado pola mañá en Lugo tras ser atopado...

A alcaldesa de Lugo agradece a inclusión do Museo da Romanización nos Orzamentos da Xunta

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, mostrou a súa satisfacción pola inclusión dunha partida...

A montaña de Lugo amence con neve e temperaturas inferiores a -2

Comarcas do leste galego, nas provincias de Ourense e Lugo, anotaron nas últimas horas...

A Deputación premiará con 1.600 euros ás mellores fotos das Reservas de Terra do Miño e Os Ancares

A Deputación de Lugo abriu xa a incripción ao VIII Concurso de Fotografía de...