InicioMedioambiente e PatrimonioOs legatarios asinan o proxecto de rehabilitación da casa de Díaz Castro

Os legatarios asinan o proxecto de rehabilitación da casa de Díaz Castro

A Deputación asume a redacción do proxecto para mudar a casa de Díaz Castro, que herdou a Asociación Xermolos, nun espazo de patrimonio e cultura

PUBLICADA O

- Advertisement -

A pegada de Xosé María Díaz Castro, finado en 1990, é o embrión do rexurdir cultural de Guitiriz. A obra deste autor embebe as accións de asociacións hiperactivas coma Os Vilares, Lareira de Soños, Nova Poesía Guitirica e CulturaliaGZ, e nomeadamente a de Xermolos, herdeira directa do poeta e tradutor vilarego.

Este luns, os legatarios asinaron un convenio no que a Deputación asumirá o custe da redacción do proxecto de rehabilitación da casa natal de Díaz Castro, coñecida coma A Casa da Xente. O acordo, por valor de 10.000 euros, foi subscrito polo aínda coordinador da asociación, o crego Alfonso Blanco, amigo do sobranceiro poeta e Fillo Adoptivo de Guitiriz.

O financiamento da reforma foi obxecto de debate no pleno da Deputación, onde o acordo foi posposto ata acadar un posicionamento unánime. O Bloque Nacionalista Galego quería consignar nas contas de 2019 fondos para a reconstrución, mais o Partido Socialista mantívose firme na idea de realizar primeiro o proxecto para calcular o custe da obra.

Seguindo o espírito de Xermolos, a casa natal do escritor dos Vilares mudará nun espazo cultural no máis amplo senso, con actividade continuada e contidos plurais. Convivirá con outros bens restaurados e valorizados pola Deputación, o Centro de Interpretación Díaz Castro –sito nun edificio tradicional anexo á casa, en Vilariño dos Cregos– e a Ruta da Pedra, que conta con recoñecemento oficial. Estes traballos contaron cun investimento de 85.000 euros.

Así, o proxecto de recuperación do inmoble será un centro cultural no que impulsar a figura de Díaz Castro, espallando o patrimonio inmaterial e situando a Guitiriz como referente da literatura e a memoria. Disporase un espazo de acampada na carballeira lindante, buscando a convivencia entre natureza e a celebración do herdo chairego. A casa albergará actividades ao longo de todo o ano, con xornadas nas que espallar as bondades da comarca e o seu asociacionismo.

A casa de Díaz Castro

Xosé María Díaz Castro | Consellería de Cultura
Xosé María Díaz Castro | Consellería de Cultura

A imposibilidade de Xermolos de conservar este ben histórico levou a unha campaña de micromecenado co obxectivo mínimo de tellar a vivenda e evitar un deterioro meirande. Por desgraza, aquela primeira idea dun centro aberto á poesía e a natureza foi un fracaso.

A casa natal de Díaz Castro, nos Vilares, ostenta 374 metros cadrados de superficie construída, divididos en dous andares. Como consta no anteproxecto, a planta superior contará con cinco espazos culturais, e a planta baixa con seis, todos diferenciados. O visitante poderá atopar a sala cos recordos de Díaz Castro, un arquivo, un punto de encontro interxeracional, un pequeno auditorio, un tear, e un pequeno aloxamento para a creación cultural.

 

ÚLTIMAS

O SLG alerta das xubilacións masivas en granxas e pide axudas para novas incorporacións e plans de mellora

Responsables do Sindicato Labrego Galego concentráronse este mércores en Lugo, diante do edificio da...

Traballadoras de residencias privadas mobilízanse en Lugo en demanda dun convenio digno

O persoal das residencias privadas de Galicia continúa coas súas mobilizacións en demanda dun...

O Concello de Lugo concede máis de 250 licenzas de obra en 2024 por máis de 100 millóns de euros

O Concello de Lugo tramitou en 2024 un total de 256 licenzas de obra,...

Investigan un veciño de Cervantes por vender sen autorización madeira dun monte comunal

Un veciño do municipio lugués de Cervantes figura como investigado pola Garda Civil por...