InicioMedioambiente e PatrimonioO pleno da Deputación pospón o acordo para rehabilitar a casa de...

O pleno da Deputación pospón o acordo para rehabilitar a casa de Díaz Castro

A falta de consenso co grupo socialista leva aos nacionalistas a deixar sobre a mesa a rehabilitación da casa natal de Xosé María Díaz Castro en Guitiriz

PUBLICADA O

- Advertisement -

O pasamento do chairego Xosé María Díaz Castro en 1990 deixou un fondo baleiro na comunidade dos Vilares, e un dobre legado: unha obra poética capaz de inspirar a creación de dúas asociacións culturais, Lareira de Soños e Nova Poesía Guitirica, e unha casa no lugar de Vilariño que foi legada á Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz, e que dende entón esmorece.

Xermolos, depositaria do herdo de Díaz Castro, é dende hai catro décadas o axente clave na dinamización cultural en Guitiriz, e tentou restaurar a casa do poeta e tradutor cun micromecenado que non foi abondo para un novo teito. O aínda coordinador da asociación, o crego Alfonso Blanco –quen tiña gran relación con Díaz Castro– foi nomeado este sábado Fillo Adoptivo de Guitiriz.

A Casa da Xente

Xosé María Díaz Castro | Consellería de Cultura
Xosé María Díaz Castro | Consellería de Cultura

A el recorreu o Bloque Nacionalista Galego antes de preparar a moción que esta formación presentou no pleno da Deputación de novembro, co gallo de coidar este símbolo “como é obriga de calquera administración”. A intención é rehabilitar o inmoble e convertelo en casa-museo e lugar común para a comarca: a Casa da Xente. Coincidindo co acto en honor de Alfonso Blanco, o Partido Socialista anunciara 10.000 euros para a redacción dun anteproxecto co mesmo fin.

Para os nacionalistas, este investimento recollido nas contas provinciais non asegura a realización da obra, polo que tentaron convencer ao resto de grupos de reservar unha contía de arredor de 300.000 euros dentro dos remanentes, da que logo se detraería o preciso para levar a cabo o proxecto. O deputado Xosé Ferreiro puxo de exemplo a restauración dunha palleira anexa, pero que non forma parte da casa, na que a Deputación investiu 45.000 euros.

O Partido Popular manifestou o seu prace coa proposición, “en coherencia” co acordo unánime do pleno de Guitiriz, aínda que baixo a premisa de crear un convenio entre Concello, Deputación, Xunta de Galicia e a propia Xermolos, como titular da casa de Díaz Castro.

Posición fixa nos socialistas

Dende o Partido Socialista esixiron contexto, lembrando que a restauración da palleira en cuestión incluíu un roteiro para o coñecemento do lugar en que naceu Díaz Castro, así como a instalación dunha efixie de ouro en honor ao autor. O secretario xeral dos socialistas lucenses, Álvaro Santos, pediu que se valorara o papel de Regina Polín, rexedora de Guitiriz, por impulsar o recoñecemento do autor a nivel institucional.

“Esta é unha oportunidade para reflexionar acerca da responsabilidade sobre o patrimonio cultural”, dixo Santos. “Este é un proxecto de recuperación que vai alén de rehabilitar un edificio, é un servizo público cultural e iso non está cuantificado”. O líder socialista cualificou de “atrevido” querer dotar economicamente “un recurso sen contificar”, razón que esgrimiu para pedir ao resto de forzas que agarden pola redacción do estudo de obra.

“O único que sabemos do proxecto é un nome, fantástico, agarimoso, Casa da Xente; pero hai que desenvolvelo nun proxecto serio e realizable”. Santos reivindicou o “tesouro cultural de Guitiriz que só uns levan anos intentando poñer en valor”, e cominou á Xunta de Galicia a colaborar e cumprir coa competencia do goberno galego na protección da cultura recollida no Estatuto de Autonomía.

A posición firme dos socialistas, decididos a facer primeiro o estudo contemplado nos orzamentos provinciais, e a repetida negativa a empregar os remanentes do exercicio anterior para cubrir a rehabilitación da casa de Díaz Castro, levaron ao Bloque a deixar sobre a mesa a proposta, á espera dun acordo unánime. Ferreiro evitou polemizar e pediu a posta en común de todos os actores implicados.

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...