O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, presentou este luns a X Festa de Xogos Tradicionais que organiza a Asociación de Xogos Tradicionais de Muimenta (Xotramu) e que terá lugar o 2 de xuño no recinto feira Manuel Vila no Concello de Cospeito, e que contará con máis de 100 xogos. Fíxoo xunto aos membros de Xotramu: Sofía Rodríguez, Xosé Darriba Pérez e Rosa Morán; que realizaron exhibicións de varios xogos populares. O organismo provincial colabora con Xotramu coa promoción e difusión deste evento cultural e turístico pola provincia de Lugo, no que se esperan uns 500 visitantes.
Vidal Baamonde apuntou que «dende o Goberno da Deputación, colaboramos con este tipo de iniciativas coas que, ademais de ofrecer unha xornada lúdica aos veciños, impulsamos a economía local, xa que se espera que durante a xornada se acheguen preto de medio milleiro de persoas non só do Concello, senón de toda a zona».
O Deputado subliñou tamén «o grande labor dos membros de Xotramu, que ano a ano traballan arreo para conseguir que centos de persoas se acheguen a Muimenta a participar nestes xogos, cos que se fomenta a identidade propia que temos como país, promovendo e preservando os aspectos máis tradicionais da nosa cultura popular».
Programación
A xornada comezará ás 11:00 horas no recinto feiral Manuel Vila e contará con máis de 100 xogos para todas as idades, repartidos ao longo do día. A mañá, estará dirixida aos nenos dos distintos colexios. Pola tarde, repartiranse premios e faranse varios sorteos. Como peche de festa, Xermán Díaz actuará coa súa Zanfona.
As actividades todas que se levarán a cabo son as seguintes:
– 11: 00 horas: Apertura do recinto feiral.
– 11:30 horas: Xincana de xogos populares.
– 12:30, 15:30 e 17:30 horas: Obradoiro de Picaraxadas.
– 15:30 horas: campionato de billarda.
– 15:30 horas: Campionato de Brisca.
– 16:00 horas: Mesa Redonda: A importancia do xogo tradicional na cultura e na educación.
– 16:00 horas: Obradoiro para nenos de creación de animais con materiais naturais.
– 16:30 horas: Taller de Papiroflexía para nenos.
– 17:00 horas: competición de arrebolamento de goxo.
– 18:30 horas: entrega de premios, sorteos e peche de festa coa música de Xermán Díaz.
Xotramu
Asociación de Muimenta que ten como obxectivo a recuperación de xogos tradicionais. Dende o ano 2008, Xotramu organiza a xornada de xogos tradicionais no recinto Manuel Vila do Concello de Cospeito, que conta coa participación de asociacións de toda Galicia, Asturias e Portugal. Unha das metas da asociación é que a Festa de Xogos Tradicionais sexa declarada Festa de Interese Turístico Galego.