InicioSucesosO pai de Desirée cualifica de "monstro" á nai e destaca a...

O pai de Desirée cualifica de “monstro” á nai e destaca a súa “maldade”

José Manuel Leal asegurou na súa declaración que "xamais" viu comportamentos estraños na nai da nena, coa que mantivo unha relación dun cinco anos. "Nunca vin nada", recalcou.

PUBLICADA O

- Advertisement -

José Manuel Leal, pai de Desirée, a nena de sete anos asasinada en Muimenta en 2019, insistiu en que “xamais” notou comportamentos estraños na nai da menor e acusada. Ademais, destacou dela a súa “maldade” e definiuna como un “monstro”.

O pai da vítima declarou ao redor das 19,00 da tarde do primeiro día do xuízo por este crime ocorrido na madrugada do 2 ao 3 de maio do 2019. A nai senta no banco da Audiencia Provincial de Lugo en calidade de única acusada e Fiscalía, acusación particular e acusación popular piden a pena de prisión permanente revisable.

Unha das claves neste caso é determinar se o trastorno psicótico do que foi diagnosticada a presunta asasina con posterioridade aos feitos foi o que a levou a cometer os feitos. Con todo, Leal asegurou na súa declaración que “xamais” viu comportamentos estraños na nai da nena, coa que mantivo unha relación dun cinco anos. “Nunca vin nada”, recalcou.

“Estando comigo seguro que non, e sen estar comigo, que a min me chegase aos oídos, tampouco“, respondeu, aínda que recoñeceu que falaba con ela “o mínimo imprescindible”. Do mesmo xeito, ao ser interrogado polo seu avogado, tamén negou que a nena lle advertise de que a nai tiña algún comportamento estraño.

A NENA ERA “O SEU OBXECTO”

A relación terminou “un pouco antes” de que a menor cumprise tres anos e a nai levoulla a vivir con ela a Cospeito, á casa dos avós maternos, a pesar de que a parella residía en Culleredo con motivo do traballo do pai. Con todo, relatou como cando estaban xuntos e “cando lle apetecía, collía á nena e íase para casa da súa nai”, en Cospeito.

Segundo respondeu Leal a preguntas da fiscal, a acusada trataba a Desirée “como que era o seu obxecto” ou “o seu xoguete e non quería que ninguén a tocase”. Tras a separación, explicou que tiña un réxime de visitas conforme ao cal “pola noite tiña que devolver” a Desirée á vivenda en Muimenta.

Tempo antes do crime, segundo declarou o pai da vítima, manifestara á nai a súa intención “de deixar o traballo, abandonar todo” e “conseguir traballo nun lugar próximo para solicitar a custodia compartida”. Mesmo, tal e como dixo, a propia nena “quería” velo a el “igual” que á nai.

NOTOU Á NENA “MOI APAGADA”

A última vez que falou coa súa filla foi o 1 de maio, dous días antes do falecemento, a través do teléfono. Segundo contou na súa declaración, notouna “moi apagada, como triste”.

O día do crime, precisamente, ía visitar á nena, pero esa mesma mañá recibiu a chamada da avoa materna relatándolle o ocorrido. Chegou á vivenda en Muimenta sobre as 10,15, pero a Garda Civil díxolle que “non podía” ver á súa filla. “De alí a un pouco pregúntanme se bebeu lixivia soa e contesteilles que era imposible”, dixo, despois de insistir en que Desirée era unha nena moi madura para a súa idade.

A preguntas do seu avogado sobre se algunha vez o detiveran ou denunciaran por malos tratos, Leal negouno. É máis, rexeitou que a súa exparella lle tivese medo: “Ría de min todo o que podía e máis”. Como moito, recoñeceu, puido chegar a insultala cando “non lle deixaba” estar coa súa filla.

Sobre os motivos que levaron á súa a matar á menor foi “que non quería que estivese” con el “máis tempo” nin ter “a custodia compartida”. Con todo, a maxistrada que dirixía o interrogatorio fixo constar ante o xurado que esta expresión só reflicte a súa opinión.

O único cruzamento de palabras entre o pai e a nai de Desirée ocorreu cando, a preguntas do avogado da defensa, el admitiu que debía á nai “mes e medio ou dous meses” da pensión alimenticia de Desirée. Nese momento, a acusada interveu para replicar que eran “cinco”, tras o cal José Manuel Leal mostrouse molesto coa pregunta do letrado: “Non sei se me están xulgando a min…”.

Leal estivo todo o día presente nas portas do edificio da Audiencia Provincial, onde o acompañaron amigos e familiares en sinal de apoio. O único momento de fraqueza foi xusto antes da súa declaración.

OUTRAS TESTEMUÑAS

Durante a primeira sesión deste xuízo tamén declarou un irmán do pai da vítima, que explicou que as visitas que este realizaba á nena producíanse en casa dos avós paternos, en Muimenta, xa que el residía e traballaba na Coruña. No entanto, contou que lle preguntou sobre a posibilidade de empezar a traballar en Cospeito para mudarse e “pasar máis tempo coa nena”.

Do mesmo xeito, tamén declarou a irmá do pai, que contou o encontro que tivo coa acusada xusto despois dos feitos. Tras decatarse da noticia, a muller acudiu ata a vivenda e enfrontouse coa nai da vítima, á que preguntou “que pasara”.

“Estaba coa cabeza agachada e, de forma moi arrogante, díxome ‘Tomou uns medicamentos meus’, acordareime sempre“, destacou. Na vivenda tamén escoitou ao avó da vítima pedindo “axuda” a alguén -cre que un avogado– xa que a súa filla “fixera algo”.

Finalmente, declarou o pai da acusada, que explicou que, o día dos feitos, a muller estaba “atontada” e díxolle que “non sabía o que pasara”. En concreto, suxeriulle que pensaba que a nena “igual tomara algo”. Sobre a súa filla, dixo que é unha persoa “cariñosa”, “sen carácter” e “para nada agresiva”. Ademais, describiuna como “unha moi boa nai”: “Sempre querían estar xuntas”, resolveu.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...