InicioSociedadeUn Xulgado de Lugo rexeita que o Consorcio deba indemnizar aos bombeiros...

Un Xulgado de Lugo rexeita que o Consorcio deba indemnizar aos bombeiros por contratar efectivos durante a folga de 2023

Asegura que mantiveron un “comportamento abusivo” e que “non actuaron con boa fe” ao incumprir a súa obriga de permanecer en servizos de garda

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Xulgado do Social número 4 de Lugo rexeitou, tal e como solicitaban o comité de folga, UGT, CSIF e o Sindicato Independente de Bombeiros de Galicia, que o Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento deba indemnizalos con 15.000 euros por recorrer á contratación temporal para paliar os efectos da folga indefinida que tivo lugar entre xuño e outubro de 2023. A maxistrada explica que en todas e cada unha das contratacións se fai referencia ao traballador que vai ser substituído, excepto un contrato “que si pode ser cualificado como un atentado ao dereito de folga, debido a que se celebra o contrato para contrarrestar os seus efectos”.

Con todo, a xuíza destaca que esa contratación hai que poñela en relación “co comportamento abusivo mantido polos bombeiros” durante ese período, pois asegura que “non actuaron con boa fe, debido a que incumpriron a obriga imposta no contrato e no convenio de permanecer no servizo de garda mentres non se presentase o efectivo saínte”, o que provocou, en ocasións, o peche de parques debido á falta de bombeiros. Por iso, só acolleu parcialmente a demanda formulada polo comité de folga, UXT, CSIF e o Sindicato Independente de Bombeiros de Galicia, e declarou que o Consorcio vulnerou o dereito de folga dos traballadores ao contratar a un traballador durante un mes. Con todo, rexeitou que a entidade pública deba indemnizar ás demandantes.

A contratación de efectivos é a única conduta que se lle pode reprochar ao Consorcio, posto que os demais comportamentos que lle atribuíron non son certos: non se denegaron permisos inxustificadamente, non se acordaron mobilidades entre parques sen xustificación, as prolongacións de xornada tamén se atopan xustificadas, etc.”, destaca a xuíza, quen afirma que tampouco consta que o Consorcio “desprezara ao comité de empresa ou aos sindicatos”. Ademais, lembra que a entidade recoñeceu aos traballadores a condición de persoal fixo en vía administrativa, tras as últimas sentenzas do Tribunal Supremo, o que asegura que pon de manifesto a súa “vontade de poñer fin ao conflito laboral”.

“TAREFA COMPLEXA”

Na resolución, explica que da declaración de feitos probados se desprende que a xestión dos parques de bombeiros da provincia de Lugo desde a declaración da folga indefinida en 2023 “se converteu nunha tarefa complexa, atendendo aos numerosos permisos solicitados polos traballadores, os procesos de incapacidade temporal vixentes e os que xurdiron durante a folga, o exercicio do dereito de folga dos traballadores e a necesidade de garantir os servizos mínimos fixados”. Ademais, salienta que “non pode esquecerse que o servizo que prestan os bombeiros do Consorcio é un servizo esencial, no que tamén entran en xogo o dereito á vida, a integridade física e o dereito de propiedade dos cidadáns cando se declara unha emerxencia”.

Na sentenza, considera xustificada a decisión do Consorcio de ordenar aos bombeiros continuar prestando servizos tras o fin do seu horario de garda debido a que non se presentaran efectivos suficientes para iniciar o servizo. Así, recalca que “se trata dunha decisión empresarial dirixida a garantir os servizos mínimos”. Ademais, subliña que dita prolongación de xornada está regulada no artigo 13 do Convenio colectivo da UTE Nasa Nanutecnia, así como nos contratos celebrados cos traballadores. En canto á distribución horaria, a xuíza indica que tamén se trata dunha facultade que se lle recoñece ao Consorcio nos convenios colectivos, á vez que destaca que o feito de que se acordara a distribución irregular de xornada respecto dalgúns traballadores “non supón unha limitación do dereito de folga”. 

ÚLTIMAS

Interceptado en Lugo un condutor ebrio e drogado que carecía de permiso para conducir

Un condutor foi interceptado cando circulaba sen permiso de condución baixo os efectos do...

Becerreá rexistrou este sábado un terremoto de 2,5 graos de magnitude

O municipio lucense de Becerreá rexistrou este sábado un terremoto de 2,5 graos de...

Galicia, vixiante co sarampión: detéctanse en Lugo os dous primeiros casos dende 2020

A Consellería de Sanidade reforzou a vixilancia contra o sarampión despois de detectar que repuntes...

O PP de Lugo acusa ó goberno local de “improvisación” e “falta de xestión” na regularización de terrazas

O PP de Lugo acusou este sábado ao goberno local de "improvisación" e "falta...