InicioSociedadeO Nadal nunha residencia de maiores: "Intentamos que estas festas non sexan...

O Nadal nunha residencia de maiores: “Intentamos que estas festas non sexan motivo de tristeza”

Na Residencia San Vitorio de Baralla procuran que os usuarios "poidan facer todo aquilo que facían antes nas súas casas". Baixar á feira tomar un chocolate con churros, ver unha película, cear comida rica, cantar panxoliñas... É unha maneira de que tamén eles se sintan en familia durante estas datas.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Disque as festas de Nadal son para pasar en familia, para estar rodeado dos seres queridos e compartir tempo de calidade con eles. Pero o concepto ‘familia’ é máis amplo do que pode parecer. Nunha residencia de anciáns tamén se crean lazos afectivos e tamén se constrúe un ambiente festivo do que desfrutar igual ca na casa. Pasar a noite de Fin de Ano nun centro de maiores non implica soidade e tristura.

María Vila é a educadora social da Residencia San Vitorio (Baralla). Ela é unha das persoas encargadas de amenizar estas datas para os usuarios do centro. “O que se intenta é romper a rutina con actividades un pouquiño especiais e que non estean institucionalizadas”, explica. Por iso, non só se trata de contentar o bandullo con comidas diferentes e típicas destas datas, senón que se procura avivar a ilusión dos maiores a través de propostas de ocio durante todo o mes.

KARAOKES, PELÍCULAS E CHOCOLATE CON CHURROS

Os días fortes, iso si, seguen sendo Noiteboa, Nadal, Noitevella e Reis. “Eses días hai un menú máis especial e facemos unha festa. En Noiteboa, por exemplo, aproveitamos para celebrar os aniversarios das persoas que cumpren anos neste mes e fixemos un karaoke con panxoliñas”, conta María Vila. Na xornada de hoxe, 31 de decembro, as actividades oriéntanse a reflexionar colectivamente sobre o acontecido durante este 2019 e a deseñar listas de propósitos de aninovo que logo han plasmar nun mural.

“Dentro do posible, intentamos que poidan facer todo o que facían na casa para que estas festas non sexan motivo de tristeza”, comenta a educadora social da Residencia San Vitorio. Para “que non perdan ningún deses detalles” ocorréuselles elaborar un calendario de Advento moi particular. Durante os primeiros vintecatro días de decembro, os usuarios “descubrían unha actividade sorpresa”: unha merenda diferente, baixar á feira tomar chocolate con churros, unha sesión de spa, unha sesión de cine con palomitas…

AS VISITAS DOS FAMILIARES

Trátase de asentar vínculos entre eles e de fomentar a súa integración na vida diaria da vila. “Nós estamos en todas as actividades que se fan en Baralla durante o ano: nas festas locais de San Vitorio, no Entroido… Queremos que os residentes participen”. No caso do Nadal, tamén se implican os familiares, que adoitan intensificar as súas visitas durante este período. “Cando máis se nota a presenza das familias é o 24 e o 31. Moitos viven noutras comunidades autónomas e aproveitan as vacacións para achegarse aquí”.

Aos poucos, vaise formando unha atmosfera familiar na que todos e todas se poden sentir coma na casa. “Os usuarios agradéceno”, remata María Vila. Non é para menos.

ÚLTIMAS

Ángeles Vázquez ve igual de importante o expediente de Altri como o de ampliar unha granxa

A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, asegura que é "igual de importante" para...

Alfonso Rueda e Ana Pontón coinciden no San Froilán

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón,...

As actividades do San Froilán renóvanse este mércores despois da borrasca Kirk

A área de Cultura, Turismo e Promoción dá Lingua do Concello de Lugo informou...

Facua critica a Xunta por patrocinar o Caudal Fest, sancionado por cobrar pola devolución do diñeiro de pulseiras

A organización de consumidores Facua criticou que a Xunta patrocinase o festival Caudal Fest, que se...