O pleno ordinario da Deputación de Lugo celebrado este martes tivo como unha das imaxes máis significativas a ausencia da portavoz do Grupo Provincial Socialista, Pilar García Porto. A deputada non estivo presente na sesión ao coincidir a súa celebración coa súa comparecencia como testemuña ante o Tribunal de Instancia número 3 de Lugo, no marco da investigación xudicial sobre o ex presidente da institución provincial e alcalde de Monforte, José Tomé.
Facendo valer o voto de calidade da presidenta en practicamente todas as votacións, a corporación abordou asuntos de distinta entidade con numerosos enfrontamentos políticos, especialmente arredor das competencias da Xunta, a educación, a atención ás persoas maiores e a xestión da institución provincial. Un dos acordos de maior consenso foi a aprobación por unanimidade da cesión da Casona do Incio ao concello deste municipio.
O inmoble, adquirido pola Deputación hai dúas décadas, porase á disposición do Concello para avanzar na súa recuperación como espazo público. A institución provincial achegará ademais 250.000 euros para colaborar na rehabilitación, segundo anunciara previamente a presidenta, Carmela López.
Tamén saíu adiante por unanimidade a cesión ao Concello de Pantón dunha parcela duns 21.000 metros cadrados situada nas inmediacións do pantalán de Maiorga. O terreo permitirá facilitar o acceso a esta instalación fluvial e avanzar no proxecto de mellora que tramita o municipio coa colaboración da Confederación Hidrográfica.
A presidenta da Deputación aproveitou ademais o pleno para reivindicar unha política de cooperación cos 67 concellos da provincia con independencia da súa cor política. López afirmou que as solicitudes municipais son atendidas cando existen proxectos viables e defendeu que a Xunta debería aplicar o mesmo criterio. “Se unha medida é boa para a xente, a min impórtame pouco quen a presente”, sostivo.
MÁIS RECURSOS PARA A ATENCIÓN A MAIORES
No apartado social, o pleno abordou, cos votos do PSOE, do BNG e do deputado non adscrito e o rexeitamento do PP, unha iniciativa para reclamar á Xunta máis recursos para a atención ás persoas maiores. O debate xirou arredor do financiamento das residencias públicas e do papel que deben asumir as distintas administracións. A Deputación lembrou que mantén nove residencias con preto de 300 prazas e unha ocupación do 100 %, mentres que o BNG reclamou que o Goberno galego financie tamén as prazas de titularidade provincial e municipal.
A educación foi outro dos asuntos destacados. A corporación aprobou, co voto en contra dos populares, reclamar máis profesorado para o CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño de Begonte, especialmente para atender as aulas multinivel de Infantil e as necesidades educativas especiais. A Deputación tamén deu apoio a unha proposta do BNG para reclamar á Xunta máis recursos e actuacións en distintos centros educativos da provincia.
Entre as iniciativas nacionalistas aprobadas figurou tamén unha moción para esixir axudas extraordinarias destinadas ás explotacións gandeiras afectadas pola seca. O BNG defendeu unha liña directa de apoio para compensar o incremento dos custos provocado pola caída da produción de forraxe e expuxo medidas de adaptación do sector primario ao cambio climático.
CONTA XERAL DE 2025
Outro dos puntos centrais da sesión foi a aprobación da Conta Xeral de 2025. O documento recibiu o apoio do PSOE, do BNG e do deputado non adscrito, mentres que o PP optou pola abstención. Segundo os datos achegados pola institución, a Deputación pechou o exercicio con débeda financeira cero, despois de amortizar anticipadamente seis millóns de euros, e executou 21,2 millóns de euros en investimento real, fronte aos 9,5 millóns do ano anterior. A Conta Xeral será remitida agora ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas dentro do prazo establecido.
O pleno serviu igualmente para repasar a situación dos denominados náuticos provinciais. Ponte do Sil e O Mazo de Santa Comba atópanse en fase previa á adxudicación, mentres que Portomarín e Os Robles quedaron desertos. En Augasmestas existe unha oferta tras a reapertura do procedemento e continúan en tramitación os expedientes de Os Chancís e Maiorga.
A sesión rematou deixando tamén patente o cruzamento de reproches entre goberno e oposición. O PP acusou o Executivo provincial de manter unha política de “sectarismo” cara aos concellos gobernados polos populares e volveu reclamar desculpas pola sanción imposta ao Concello de Ribadeo, posteriormente anulada pola xustiza. Os grupos que sosteñen o goberno provincial defenderon, pola súa banda, a súa xestión e a cooperación cos municipios. A moción dos populares pedindo unha resposta firme do Goberno do Estado ante os “graves sucesos” rexistrados en Ceuta volveu acender o debate pero non conseguiu o respaldo da maioría.
