A Deputación de Lugo iniciou as obras de rehabilitación do firme na estrada provincial LU-P-5905, que comunica Canabal coa Penacabreira, no concello de Sober. A actuación desenvólvese no primeiro quilómetro da vía e conta cun investimento de 47.190 euros e lévaa a cabo a empresa Fevisa Vías y Obras SL.
As obras permitirán renovar o firme deste tramo da LU-P-5905, corrixindo o deterioro acumulado polo paso do tempo e polo uso continuado da vía. Os traballos inclúen a preparación da superficie existente, a reparación das zonas que presentan un maior desgaste e a execución dun novo pavimento, ademais da correspondente reposición da sinalización horizontal. Deste xeito, conseguirase unha superficie de rodaxe máis uniforme, resistente e segura, mellorando tanto a adherencia dos vehículos como o confort durante a circulación.
LÁNCARA
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, vén de realizar unha visita institucional ao Concello de Láncara xunto ao Alcalde, Darío Piñeiro, na que puxo en valor a colaboración entre ambas administracións para seguir impulsando investimentos que contribúan a mellorar os servizos públicos, as infraestruturas e a calidade de vida da veciñanza. A xornada serviu para formalizar un novo convenio de colaboración destinado á mellora da rede viaria municipal e para comprobar sobre o terreo o resultado de diferentes actuacións executadas ou previstas grazas ao apoio da institución provincial.
O acto central da visita foi a sinatura dun novo convenio interadministrativo entre a Deputación de Lugo e o Concello de Láncara para acometer novas obras de mellora da rede de camiños municipais. O acordo supón un investimento total de 263.806,80 euros, dos que a institución provincial 250.000 euros. As obras permitirán acondicionar vías nas parroquias de Pedreira, Láncara, Trasliste, Vilar de Toirán, Ronfe e Vilambrán, mellorando a seguridade viaria, a accesibilidade e as comunicacións entre os distintos núcleos do municipio.
FESTA DO EMIGRANTE
A Deputación de Lugo colabora coa celebración da II Festa-Foliada do Emigrante, organizada pola Asociación Cultural Toxo Queimado no concello de Baleira, contribuíndo á organización desta cita, que terá lugar este sábado na praza do Cádavo. O Deputado Miguel Fernández xunto ao representante do colectivo, Javier Núñez, presentou esta mañá no Pazo de San Marcos esta festa.
A programación de xornada combinará música tradicional, baile, feira de artesanía, gastronomía e actividades de convivencia, converténdose nun punto de encontro para a veciñanza, as persoas emigradas que regresan durante o verán e os visitantes. A música arrancará coa actuación da propia Asociación Cultural Toxo Queimado, continuará coa sesión vermú amenizada pola Charanga Os Sureños e, xa pola tarde, contará coas actuacións de diferentes grupos de música tradicional, da formación A Volta do Agro e novamente de Toxo Queimado. A xornada culminará co concerto do grupo Ardentía e cunha sesión de DJ Valiño, ofrecendo unha programación continua que combina tradición e música en directo para todos os públicos
