InicioDeportesO Breogán suma a súa terceira vitoria seguida despois de dúas prórrogas...

O Breogán suma a súa terceira vitoria seguida despois de dúas prórrogas (95-98)

Os lucenses gañan o seu primeiro partido coma visitante esta tempada nunha segunda prórroga marabillosa de Sergi Vidal despois de que Pako Cruz forzara o segundo tempo extra cunha tripla dende campo propio no derradeiro segundo

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Cafés Candelas Breogán sumou a súa terceira vitoria seguida ao gañar en Fuenlabrada despois de dúas prórrogas (95-98). É o primer triunfo a domicilio do Breogán, que non gañaba como visitante en Liga Endesa dende o 26 de febreiro de 2006 en Manresa.

Despois duns primeiros minutos de intercambio de canastras, o Breogán tivo a primeira vantaxe importante despois dunha tripla de Lucio Redivo (19-26). Os lucenses acadaban segundas opcións impoñéndose no rebote ofensivo. Nas posesións finais do segundo cuarto, Montakit Fuenlabrada reduciu distancias cunha tripla lonxana de Pako Cruz, extraordinario durante todo o partido, e unha canastra de dous puntos de Josh Akognon. O Breogán chegaba ao descanso cun punto de vantaxe (33-34) e con demasiados erros dende o tiro libre.

No terceiro cuarto, o Breogán despegou. Sergi Vidal exhibiuse durante todo o partido con penetracións e Alijah Millsap anotando os seus primeiros catro lanzamentos de tres puntos. Cunha tripla de Alec Brown, os lucenses acadaban unha máxima vantaxe de nove puntos (38-47). Minutos despois, unha tripla de Millsap tamén marcaba a mesma diferenza a prol dos galegos (44-53). O Breogán non rompeu o partido e Fuenlabrada mantíñase en partido. Colocouse a dous puntos (56-58) e Lucio Redivo anotou nunha penetración para o 56-60 co que remataba o terceiro cuarto.

No derradeiro cuarto, un mate de Alec Brown e unha tripla de Redivo volvían ampliar as diferenzas (56-65). Fuenlabrada respondía cun parcial de 6-0 até o 62-65. Cunha penetración de Luka Rupnik chegábase ao 64-66. A escasos intres do final, Pako Cruz anotou unha tripla que colocaba a Fuenlabrada por riba (73-72). O Breogán cometeu excesivas perdas de balón nestes intres. Jerome Jordan anotou un dos seus dous tiros libres. Chegouse á prórroga.

No tempo extra, os lucenses chegaron a ter unha vantaxe de catro puntos (76-80). Respondía Tomás Bellas cunha tripla (79-80). Lucio Redivo anotou unha penetración a falta de 0.8 segundos (79-82). Pero Pako Cruz anotou unha tripla dende campo propio para forzar a segunda prórroga.

No derradeiro tempo extra, dous tiros libres de Christian Eyenga daban vantaxe de dous puntos para Fuenlabrada (84-82). Respondía Lucio Redivo cunha tripla (84-85). E Daniel Clark, ex Breogán en dúas etapas diferentes, anotaba outra tripla (87-85). Neste tempo extra definitivo, Sergi Vidal asumiu o liderado para a vitoria final con penetracións e un clínic de xogo con nove puntos. Con 95-98, Jerome Jordan realizou un tapón para a vitoria final do Cafés Candelas Breogán.

Sergi Vidal e Lucio Redivo foron os máximos anotadores do Breogán con 22 e 21 puntos, respectivamente, mentres que Pako Cruz destacou en Montakit Fuenlabrada con 32 puntos.

 

ÚLTIMAS

Polémica por 300 hectáreas de monte veciñal no paraíso hippie de Negueira de Muñiz

É posible atopar restos de neve nos costados da sinuosa estrada que descende desde...

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...